A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PON EN MARCHAA TERCEIRA EDICIÓN DA ‘FACULTADE DA COMPOSTAXE’
PARA SELECCIONAR 25 NOVAS MESTRAS E MESTRES COMPOSTEIRAS
O vicepresidente Mosquera anuncia que nos vindeiros meses duplicaranse as toneladas de orgánicos que se deixan de enviar a Sogama en Pontevedra
As analíticas sobre a calidade do compost producido nos centros de compostaxe comunitaria son cada vez mellores
O vicepresidente César Mosquera - a dereita de imaxe - e o técnico de residuos Carlos Pérez
Foto: D. P.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha a terceira edición da ‘Facultade da Compostaxe’ para seleccionar 25 novas mestras e mestres composteiras do Plan Revitaliza de compostaxe. Deste xeito, segundo explicou hoxe o vicepresidente César Mosquera, o staff do programa provincial pasará a ter 65 persoas, a estrutura necesaria para satisfacer as necesidades de atención dos concellos adheridos na provincia.
O prazo para presentarse ao proceso de selección comeza a contar no día de hoxe e finaliza o vindeiro xoves día 15. A primeira proba, un exame tipo test de 100 preguntas sobre residuos orgánicos segundo o programa establecido, realizarase a finais de febreiro ou primeiros de marzo, e a entrevista persoal uns dez días despois. A intención é que os 30 seleccionados inicien o curso da ‘Facultade da Compostaxe’ nas últimas semanas de marzo para poder comezar a traballar no mes de maio.
A dotación económica de cada unha das bolsas ascenderá aos 1.400,00 € ao mes e, como novidade, a duración das bolsas será de un ano dende a incorporación das persoas beneficiarias, prorrogables outro ano ata unha duración máxima de dous anos. Os interesados poden atopar máis información sobre os requerimentos para presentarse á proba de selección no Boletín Oficial da Provincia do luns 5 de febreiro.
O vicepresidente César Mosquera destacou que o proceso selectivo para acadar estas prazas sempre foi “moi duro” e con “xente moi preparada” que terá un futuro profesional moi bo debido á escaseza de persoal técnico especializado en residuos e en compostaxe en concreto. “Este é un nicho laboral con grandes perspectivas porque é o futuro. É o futuro por normativa, por cuestións ambientais, polas regras fixadas pola Unión Europea e polo Estado. Non podemos seguir infinitamente votando a vertedoiro ou queimando uns residuos que son aproveitables e que poden ser beneficiosos”, subliñou o nacionalista.
Aumento de aportacións
Mosquera sinalou que son 36 os concellos adheridos ao Plan Revitaliza e que hai instalados 403 módulos en 58 centros de compostaxe comunitaria, o que equivale a cubrir unha poboación dunhas 15.000 persoas. Destacou que esta cifra que se multiplicará nos vindeiros meses coa aplicación da compostaxe de xeito extensivo nos seis concellos máis adiantados (Vilaboa, Pontevedra, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves e O Grove) e co reparto dos novos centros comunitarios (400 UMD) e individuais (1.500) xa anunciadospara os restantes municipios.
O vicepresidente tamén explicou que as aportacións de residuos orgánicos aos centros de compostaxe comunitaria por parte da veciñanza están a subir de xeito xeralizado en todos os concellos, incluso en Monte Porreiro. “É un fenómeno universal que fixo que tiveramos que ampliar os composteiros de xeito constante. Esta semana fixémolo en Cambados e Vilaboa. Aquí en Pontevedra o comportamento non é diferente, se cadra temos unha subida máis intensa”, explicou, indicando que, se ben se prevía que cada unidade modular tratase entre 1,5 e 2 toneladas de orgánico ao ano, na realidade estanse acadando as cinco e as sete toneladas tratadas se se inclúe o tratamento do estruturante.
Con cifras concretas relativas a Pontevedra, Mosquera explicou que hai 92 unidades modulares de compostaxe (5 composteiros en Príncipe Felipe, 3 en Monte Porreiro, 2 no campus, un en Campañó e outro na Brilat) que cubren unha poboación de 3.700 persoas e tratan arredor de 720 toneladas de orgánicos ao ano, das que se obteñen uns 70 quilos de compost peneirado. “Esta cifra supón da orde do 4,52% dos residuos orgánicos totais do Concello que non se envían a incinerar”, explicou.
O técnico de residuos Carlos Pérez indicou, neste sentido, que os datos aportados de baixada de envíos a Sogama están contrastados tanto por Ferrovial (a empresa de recollida) como pola propia planta incineradora. “No 2016 e no 2017 hai un efecto incipiente do Plan Revitaliza que fai que a tendencia a subir a cantidade de residuos que se envían do restos dos concellos baixe en Pontevedra, o que nos fai ver que estamos na ruta correcta. E son datos contrastables polo emisor e o receptor”, apuntou.
Outro dos puntos tratados na reunión de hoxe foi o nivel de calidade do compost producido nos 58 centros de compostaxe comunitaria (CCC) que a Deputación ten instalados na provincia. O asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, explicou que se están a realizar analíticas periódicas dos diferentes lotes mediante laboratorios independentes con resultados ‘cum laude’.
Compost que mellora en calidade
Por outra parte, Mosquera tamén quixo deixar patente que o compost que sae dos centros de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza é cada vez de mellor calidade. Subliñou que se cumpren escrupulosamente todas as esixencias da Unión Europea. “A primeira diferencia que se ten que facer é se é compost ou non. E dentro do compost, a maior parte do que conseguimos é tipo A (moi bo) e algún clase C (menos do 1% das mostras totais), por motivos que xa coñecemos, que se deben a que as tapas que usamos coa calor que soportan do proceso soltan algo de zinc. A partir de agora serán de plástico reciclado”, apuntou.
Son oito os elementos que se estudan para determinar a calidade do compost: Cadmio, Cobre, Níquel, Chumbo, Zinc, Mercurio, Cromo e Cromo VI. Nas analíticas do Plan Revitaliza referentes a Níquel, Mercurio, Cromo e Cromo VI o 100% deron compost tipo A. No referente a Cadmio, o 91,89% foi tipo A, no Cobre o 97,30%, e en Chumbo o 97,22%. No caso do Zinc, o 83,78% das mostras foron tipo B (en lugar de A), pero igualmente de alta calidade.
Por outra parte, no aspecto microbiolóxico, o técnico Carlos Pérez indicou que se están a analizar (en laboratorios independentes e de Areeiro) máis de dez parámetros, a pesares de que só son esixibles por normativa o de Escherichia Coli e de Salmonella. No primeiro caso, admítense ata 1.000 unidades formadoras de colonias por gramo (UFC/g), e a media das mostras de compost do Revitaliza está en 159,26. No caso da Salmonella, hai ausencia total.
“A tendencia das analíticas que estamos a facer é a mellorar. As anteriores cifras eran boas, pero estas podemos dicir que son espectaculares”, insistiu Mosquera, que tamén destacou que o feito de que a Deputación de Pontevedra decidise cambiar as tapas dos seus composteiros motivou que exista agora en España –en Xátiva-, por primeira vez, unha fábrica que as produce de plástico reciclado en lugar de galvanizadas. “Mágoa que non sexa en Galiza”, finalizou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario