O BNG PRESENTA UNHA MOCIÓN NOS CONCELLOS DA COMARCA DE VIGO PARA GARANTIR OS POSTOS DE TRABALLO E VIABILIDADE DE MADERAS IGLESIAS
Infogauda / Redacción
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón avanzou onte, tralo encontro cos representantes dos traballadores e traballadoras de Maderas Iglesias que o BNG continuará presentando iniciativas no Parlamento galego co fin de garantir os postos de traballo e viabilidade da empresa.
Ademais das iniciativas parlamentarias, Pontón anunciou que o BNG presentará mocións nos concellos da comarca de Vigo na senda de buscar unha solución ao futuro dunha empresa que foi líder no sector da transformación da madeira con máis de 800 empregos e que na actualidade, a pesar de ser unha empresa “viable e con negocio”, 250 postos de traballo, na súa maioría feminino, corren o risco de desaparecer nun sector, dixo moi castigado pola crise e que xa levou por diante cerca de 6.000 empregos na industria de Vigo e comarca.
Texto da moción que o BNG defenderá nos concellos da comarca de Vigo
Antecedentes e contextualización
A Sociedade Anónima Maderas Iglesias, multinacional da tarima flotante que se expandiu durante a década e mantivo centros complementarios de produción en Polonia, EE.UU. e Brasil, acadando un volume de contratación de 800 traballadoras/es, ( 80% mulleres) .
Actualmente conta cun Cadro de persoal de 250 persoas, con mais de 25 anos de antigüidade, manténdose a porcentaxe de traballo feminino.
O ámbito xeográfico do que procede este persoal abarca as Comarcas do Condado-Paradanta e do Baixo Miño, tendo incidencia directa no volume de poboación activa de cada un dos Concellos é clara influencia económica no seu desenvolvemento.
A maquinaria está totalmente actualizada e resulta óptima para a eficiencia produtiva
Nos últimos sete anos tense acollido a sucesivos EREs suspensivos para a boa parte do seu Cadro de persoal que, por tal causa, ten consumido xa as prestacións por desemprego devengadas.
Na práctica os traballadores e traballadoras levan sete anos con sete EREs suspensivos prorrogados ano a ano, con grande parte das Prestación de desemprego consumidos pola maioría das traballadoras.
A empresa acudiu, nos últimos oito anos, a dous procesos concursais, que se resolveron, respectivamente, en fase de preconcurso, e por medio de convenio de acredores en setembro de 2013.
Actualmente a débeda da empresa ronda os 40 millóns de euros
A desaparición de tal número de postos de traballo directos suporía un grave problema social nas Comarcas do Condado e a Louriña.
Exposición de motivos
- O pasado día 17 de outubro adoptouse un acordo parlamentario por unanimidade dos 71 parlamentarios/as presentes na votación. O texto subscrito foi o seguinte: “O Pleno do Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a facer xestións ante a propiedade de “Maderas Iglesias SA” coa finalidade de procurar a viabilidade e a continuidade das empresa, velar polos dereitos laborais e polo mantemento do emprego”.
- O 28 de decembro alcanzouse un novo acordo entre os Grupos Parlamentarios despois da celebración dun encontro cunha representación do Comité de empresa, alcaldías das Comarcas, e organizacións sindicais. De novo a unanimidade presidiu esa toma de posición política en favor das reclamacións do Cadro de persoal, así como asumindo a necesidade de impulsar a intervención da Consellería de Industria no proceso negociador en busca da viabilidade da empresa.
- Froito de tales acordos unánimes, o pasado día 16 de xaneiro, o Conselleiro de Industria recibiu ao Comité de Empresa, comprometéndose a xestionar un proceso de negociación mediante sendas reunións, inicialmente coa empresa, seguida do grupo de acredores e unha mais de conxunto entre todas as partes implicadas.
- O mércores 24 de xaneiro, en Sede Parlamentaria e contestando a unha iniciativa do Grupo parlamentario do BNG, o Conselleiro de Industria deu conta da reunión celebrada co Comité de Empresa, comprometéndose, unha vez mais, a traballar para resolver a actual situación de crise da empresa.
- Aínda téndose acadado unanimidade política, tanto no diagnóstico como nos medios para solucionar o conflito, non se teñen desenvolto con decisión e premura medidas efectivas que garantan a resolución da problemática laboral.
Precisase un impulso decidido de todas as formacións políticas, especialmente aquelas que contan con representación institucional nos Concellos do ámbito xeográfico afectado polo conflito.
Impulso que debe dirixirse a esixir a inmediata intervención activa da Xunta de Galicia na resolución da problemática social para garantir o mantemento de todo o cadro de persoal e a pervivencia da mercantil dentro do tráfico xurídico.
A Xunta de Galicia, conta con mecanismos institucionais que permitirán chegar a un acordo cos acredores que permita a refinanciación, ou se acade unha fórmula de investimento industrial debidamente xerenciado.
. É necesario un compromiso mais profundo na xestión, e resolver mais eficientemente o mandato expresado polo Parlamento e os Grupos políticos que integran o arco parlamentario. Promovendo, de ser o caso, medidas de remoción dos obstáculos, materiais, formais e incluso persoais, para permitir unha mellor xestión empresarial, dotar de garantías á parte acredora e, especialmente, continuidade contractual ao Cadro de persoal.
Por todo o exposto, SOLICITAN que polo Pleno da Corporación municipal se adopte os seguintes ACORDOS:
1.- Esixir a inmediata intervención da Xunta de Galicia, e utilización urxente de todos os mecanismos ao seu alcance, para evitar a perda dos postos de traballo e graves consecuencias socioeconómicas que se causarían no Concello.
2.- Garantir a pervivencia da mercantil dentro do tráfico xurídico.
3.- Activar sen demora os procesos institucionais e administrativos necesarios para alcanzar eses obxectivos. Especialmente mediante acordo cos/entre acredores que permita a refinanciación, ou cunha fórmula de investimento industrial debidamente xerenciado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario