Convocada folga indefinida na recollida do lixo de Nigrán pola intención da empresa de baixar os salarios un 7%
A CIG-Servizos intervirá no pleno para explicar o conflito laboral
Vista parcial da Casa do Concello de Nigrán
Foto: CIG
Infogauda / Nigrán
O cadro de persoal de Cespa-Ferrovial, concesionaria do servizo de recollida do lixo do Concello de Nigrán, decidiu convocar folga indefinida a partir do do luns día 12 para rexeitar a proposta da empresa de rebaixar os salarios un 7%. A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, intervirá hoxe no pleno municipal para explicar o conflito laboral.
Ademais desta importante baixada de soldos, os plans da compañía pasan tamén por aplicar unha serie de recortes que provocarán un empeoramento do servizo que se lle presta á cidadanía, segundo sosteñen dende a federación de Servizos da CIG de Vigo.
En concreto, a Cespa-Ferrovial pretende eliminar até 100 contedores, reducir as zonas de limpeza e eliminar a quenda de noite, o que na opinión da representación sindical se traducirá tamén nunha redución da contratación de persoal.
Diante disto, a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, solicitou poder intervir no pleno municipal que se celebra hoxe ás 20:00 horas co obxectivo de explicar o conflito laboral aberto como consecuencia, segundo indica a propia empresa, de que o Concello manteña conxelado dende 2012 o canon que paga polo servizo.
Nota da Redacción de Infogauda:
A CIG-Servizos ven de remesarnos unha comunicación nos seguintes termos: A folga indefinida na recollida do lixo do Concello de Nigrán dará comezo o vindeiro LUNS 12 DE FEBREIRO, non o venres 9 como por erro figuraba na nota enviada anteriormente.
Nota da Redacción de Infogauda:
A CIG-Servizos ven de remesarnos unha comunicación nos seguintes termos: A folga indefinida na recollida do lixo do Concello de Nigrán dará comezo o vindeiro LUNS 12 DE FEBREIRO, non o venres 9 como por erro figuraba na nota enviada anteriormente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario