13 de dec. de 2017

A GUARDA

AS ASOCIACIÓNS PARTICIPAN NA CAMPAÑA «DECORA O TEU NADAL» EMBELECENDO AINDA MÁIS A GUARDA

Un total de 13 asociacións participaron este ano na campaña «Decora o teu Nadal», situando as súas creacións en diferentes prazas e puntos do termo municipal

A concelleira de Cultura, Elena Baz Rodríguez, con directivos e usuarios da Asociación Avelaiña, na Praza do Coruto
Fotos: C. A. G.


Infogauda / A Guarda

 A campaña «Decora o teu Nadal», impulsada polo Concello da Guarda co obxectivo de embelecer a vila nestas datas, contou coa colaboración de ata trece asociacións guardesas, case o dobre das participantes o pasado ano. Cada unha delas ocupou unha praza ou lugar representativos do pobo para colocar as súas orixinais montaxes de Nadal, feitas na súa meirande parte con materiais de refugallo. 

 A concelleira de Cultura, Elena Baz Rodríguez, visitou na mañá do pasado martes, 12 de decembro, todos os recunchos ocupados coas decoracións elaboradas manualmente polas persoas que conforman as diferentes asociacións. 

Elena Baz Rodríguez, concelleira de Cultura, con Marina González González dAsociación de Mulleres Progresistas de A Guarda

Elena Baz Rodríguez con Jorge Martínez Gómez da Asociación Rock'n'rolla

 O orixinal escenario que se pode contemplar na entrada principal do Centro de Saúde é obra da asociación de nova creación Rock'n'rolla, namentres a Asociación de Mulleres Progresistas decorou unha das árbores e a balaustrada da entrada do Centro Cultural, con motivos moi propios do Nadal. 

A concelleira de Cultura, con Víctor Manuel Lomba González presidente do Sporting Guardés e directivas do clube de fútbol 

 O Sporting Guardés achegou o deporte á Alameda da Guarda, coas cores propias do seu club e a decoración das árbores. 

A concelleira de Cultura con varios usuarios da Asociación San Xerome

 A Asociación San Xerome, pola súa parte, volveu engalanar a árbore da coñecida como “Alamediña”, utilizando rodas de bicicleta pintadas de diferentes cores. 

Elena Baz Rodríguez, concelleira de Cultura, con Ariana González Verde e Patricia Pereira Guisantes, presidenta e vicepresidenta, respectivamente, da Sociedade Atlética do Trega

Elena Baz Rodríguez con José María Salcidos González, presidente da Asamblea de Cruz Vermella Baixo Miño

 A Cruz Vermella tamén colaborou coa decoración dunha das pequenas prazas da contorna da igrexa parroquial  a base de plataformas de madeira, e a Sociedade Atlética do Trega optou tamén polo uso deste material como base da súa obra, así como pneumáticos convertidos en boneco de neve. 

A Unión Deportiva A Guía Guardesa adornou á Praza da Guía

A Asociación Vento Mareiro volveu adornar a Praza do Reló


 A Agrupación Cultural Guardesa embeleceu o Sinde Vello coas súas redes e motivos musicais á par que mariñeiros. Por outra parte, este ano contamos coa colaboración por vez primeira da Unión Deportiva A Guía Guardesa, que se encargou da decoración da Praza da Guía, namentres Vento Mareiro volveu adornar a Praza do Reló, cunha estrutura de madeira que semella unha árbore de Nadal e un enorme anxo que descansa nunha esquina da praza. 

A concelleira de Cultura na Praza de Salcidos, adornada pola Asociación Xamaraina


 Outra asociación que repite situación é Avelaíña. A Praza do Coruto quedou engalanada cunha enorme torta, rodeada de estrelas de tódalas cores e, por último, a Xamaraina encomendóuselle a Praza de Salcidos, a cal decoraron con diferentes motivos de Nadal (bastóns típicos destas datas, Papá Noel ou agasallos). 

 O Concello da Guarda anima a tódolos veciños a gozar destas decoracións con responsabilidade e agradece a implicación das asociacións nesta campaña de Nadal, que resultou ser todo un éxito de participación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario