04/02/2017

TOMIÑO

A Xunta de Galicia autoriza bautizar ao instituto tomiñés “IES Antón Alonso Ríos”  

A publicación no DOG era o último paso necesario para facer oficial o nomeamento, resultado dunha votación popular    

Antón Alonso Ríos

Infogauda / Tomiño

 A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de autorizar o cambio de nome do Instituto de Educación Secundaria de Tomiño, que a partir dese intre, pasa a chamarse Instituto de Educación Secundaria Antón Alonso Ríos.  

 A Orde de 16 de xaneiro de 2017, publicada no DOG do 30 de xaneiro de 2017, é a culminación do proceso participativo para a denominación oficial do instituto, posto en marcha polo Concello de Tomiño e o propio centro educativo. 

 Antón Alonso Ríos foi o nome máis votado pola comunicación educativa e veciñanza en xeral.

 A súa candidatura foi apoiada por un total de 1026 votos, o 36% do total de votos emitidos.  

 O proceso comezou en outubro coa recepción de propostas de tódolos cidadáns, que foron seleccionadas por un comité de expertos. En total recibíronse 51 propostas de nomes diferentes, das que o comité seleccionou 5 e o consello escolar do instituto, decidiu os tres nomes finalistas que se someteron a votación: Isaura Gómez, IES Tomiño e Antón Alonso Ríos.  

 A votación celebrouse durante 12 días (2-13 de novembro), en urnas situadas no instituto e na casa consistorial de Tomiño e tamén a través dun procedemento de votación on line.  

 Os resultados foron notificados ao consello escolar do IES de Tomiño que, unha vez aprobado, presentou  unha solicitude formal de cambio de nome á Consellería de Educación.     

 Antón Alonso Ríos (Silleda 1887 – Buenos Aires 1980) foi un mestre e pedagogo intimamente ligado a Tomiño, especialmente na etapa da II República. En Tomiño dirixiu a escola Aurora del Porvenir, onde desenvolveu un modelo educativo innovador. O franquismo obrigouno a emigrar a América. Participou na fundación do Consello de Galicia en Montevideo, que presidiu logo da morte de Castelao, ata 1950.     

 O instituto de Tomiño conta con 600 alumnos. O proceso participativo para escoller o novo nome do instituto de Tomiño foi unha das accións do programa Educación da Boa, impulsado dende o Concello, coa finalidade de promocionar tanto o instituto, coma un ensino público de calidade.     

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, tamén responsable de Educación no Concello, explicou que a intención do goberno foi lograr un maior vencellamento entre o instituto e os veciños e veciñas. “Por esta razón comezamos pola escolla do nome; queremos que os cidadáns participen máis na actividade e na mellora do IES, e que o IES se abra cada vez máis á sociedade”, salientou a rexedora.   

Ningún comentario: