4 de feb. de 2017

LINGUA

As axudas para a dinamización do galego para concellos increméntanse ata os 200.000 euros 

Foron aprobadas onte na Xunta do Goberno provincial e presentadas polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na II Xornada de Normalización Lingüística  

O deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, foi o encargado de presentar as novidades da liña de Axudas para a dinamización do galego

Infogauda / Pontevedra

 O deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, foi o encargado de presentar as novidades da liña de Axudas para a dinamización do galego durante a celebración da II Xornada de Normalización Lingüística na que participaron representantes dos concellos da provincia. A principal novidade da convocatoria deste ano radica no incremento orzamentario, que neste exercicio acada os 200.000 euros, e que ademais primará a creación e consolidación de servizos de normalización nas administracións locais, para os que a Deputación achegará un 75% do orzamento de gastos do servizo ata un máximo de 10.000 euros.

A s axudas, que foron aprobadas na Xunta de Goberno da Deputación, tamén contemplan a promoción de programas de dinamización da lingua galega a través de accións transversais en ao menos tres eidos dun total de oito: ensino, comercio, tecnoloxías da información, turismo, premios e distincións, urbanismo e medio natural, e benestar social. "Na normalización do uso do galego hai que actuar os 365 días do ano e en todos os ámbitos posibles, e con estas axudas o que perseguimos é que as accións sexan o máis transversais posible" asegurou o deputado de Cultura e Lingua.

 Nas xornadas tamén participaron diferentes colectivos e entidades que traballan a prol da dignificación e do uso do galego. Así, representando á Coordinadora de Traballadoras e Traballadores da Normalización da Lingua interveu a súa presidenta, Anxos Sobriño; no nome da Mesa pola Normalización Lingüística estivo o presidente da mesma, Marcos Maceira;representando ao Correlingua, Marta Dacosta; e no nome da Associaçom  Galega da Língua falou Eduardo Maragoto.  

 Propostas  
 Anxos Sobriño fundamentou a súa intervención na necesidade de que os concellos conten con persoal técnico adecuado para levar as cabo as súas políticas de normalización lingüística, isto é, a través dos servizos de normalización. Sobriño explicou que a calidade do servizo se fundamenta precisamente na existencia de técnicos que desenvolvan o traballo de asesoramento, planificación, dinamización e deseño de materiais e formación adecuados. En canto a iniciativas a destacar desde a CTNL, indicou o programa Apego, dirixido á socialización en galego da primeira infancia e no ámbito familiar; o Club de Debate para fomentar o emprego do galego entre a mocidade en usos formais; e o proxecto Youtubeiros que se insire no mundo das redes sociais.  

 Marcos Maceira, pola súa banda, puxo en valor o traballo da Mesa pola Normalización Lingüística a través de iniciativas como A liña do Galego ou os materiais didácticos para as escolas infantís. Sinalou, ademais, un proxecto que se levou a cabo no concello de Bueu para recuperar o nome dos peixes en galego, a través dun panel que se colocará na praza desta localidade. Una iniciativa que ofreceu aos demais concellos como fórmula "para evitar que os nomes dos peixes no noso idioma rematen extinguíndose". Maceira tamén anunciou que neste exercicio se realizará unha auditoría nos concellos da provincia de Pontevedra para coñecer o uso do galego e detectar posibles eivas. "Entendemos que é un traballo que os concellos non poden asumir, moitas veces porque non teñen capacidade, e que nos permitirá ver o uso do idioma en cuestións como as redes sociais, as comunicacións externas como as multas ou os recibos, a sinalización de espazos públicos ou a atención ao público" indicou o presidente da Mesa. Afirmou ademais que este tipo de traballos se realizan con normalidade noutros territorios do Estado que contan con lingua propia. 

 Marta Dacosta explicou polo miúdo os obxectivos do Correlingua, unha proposta normalizadora, educativa e reivindicativa que se desenvolve a través dos centros de ensino de todo o país, e que conta co apio económico tanto de Deputacións como de concellos. Na provincia de Pontevedra participan actualmente 17 concellos, polo que Dacosta animou a todos os presentes a sumarse á iniciativa. Marta Dacosta aproveitou para anunciar que o Correlingua 2017 se desenvolverá baixo o lema "En galego, sen cancelas" e que pasará polos concellos de Moaña  (9 de maio), Pontevedra (10 de maio), Vigo (11 de maio), Tui (15 de maio) e A Estrada (16 de maio). Mentres, Eduardo Maragoto centrou a súa intervención na importancia de achegarse ao mundo lusófono e no gran descoñecemento que existe a pesares da proximidade xeográfica. Maragoto sinalou que "a lingua portuguesa é a cuarta lingua máis falada do mundo, e a pesares da pouca importancia política que se lle dá, ten unha importancia considerable en canto a número de falantes nativos". O representante da AGAL ofertoulles aos concellos un obradoiro básico denominado 'OPS, o português simples' que realizan en colaboración cos centros de ensino secundario.  

 Liña de axudas  
 Os concellos de xeito individual, as agrupacións conformadas por varios concellos, e as entidades locais menores da provincia de Pontevedra poderán solicitar as axudas para dinamización lingüística antes do 31 de marzo. Poderán optar, en réxime de concorrencia competitiva, a dúas liñas: a primeira vai enfocada á 'creación ou mantemento dos servizos de normalización lingüística'; e a segunda á 'promoción e desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega'. As bases estipulan que só se poderá optar a unha destas dúas liñas, ambas enfocadas a  promover o uso do galego de xeito normalizado entre os poderes públicos e a sociedade.  

 Trátase dunha convocatoria que se convocara por primeira vez o ano pasado, co obxecto de consolidar o uso do galego como lingua de traballo e comunicación nos concellos e nas súas relacións coa cidadanía. Os concellos interesados poderán presentar unha única solicitude ao abeiro desta convocatoria. As axudas económicas obxecto desta convocatoria destinaranse a financiar as retribucións do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística municipal -primeira liña- ou á realización de programas de dinamización da lingua galega -segunda liña-. A Deputación achegará un 75% do orzamento de gastos do servizo de normalización lingüística ata un máximo de 10.000 euros. No caso de axudas para a promoción e dinamización do galego, achegará un 75% do orzamento de gastos ata un máximo de 8.000 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario