5 de mar. de 2015

O ROSAL

UNHA PRODUCTORA ROSALEIRA ESTÁ PREPARANDO UN DOCUMENTAL SOBRE OS MUÍÑOS DO FOLÓN-PICÓN

O conxunto histórico-etnográfico dos 67 Muíños do Folón-Picón (O Rosal, Pontevedra) será o protagonista dun documental que xa se atopa na fase de gravación

Vista parcial do conxunto etnográfico e histórico dos Muiños do Folón-Picón

Juan Ramón Martínez Barbosa / O Rosal

 O conxunto histórico-etnográfico dos 67 Muíños do Folón-Picón (O Rosal, Pontevedra) será o protagonista dun documental que xa se atopa na fase de gravación e que conta –entre outros- coa colaboración do Concello do Rosal, da Comunidade de Montes de Santa Mariña e de O.L.V.R. 

 Coordinado pola produtora audiovisual rosaleira Miño Films, o documental pretende “divulgar e dar a coñecer este patrimonio dos nosos antepasados. Contribuir ao non esquecemento e posta en valor dun enclave dunha excepcional categoría, único no mundo”. 

Visitantes accedendo a un sector do conxunto etnográfico e histórico dos Muiños do Folón-Picón

 A rodaxe, que comezou en novembro do pasado ano, continuará ata finais do 2015 con gravacións durante todas as estacións do ano, con entrevistas a muiñeiros, escritores, aventureiros, visitantes “e todas aquelas persoas que tiveron algo que ver en que este conxunto sexa un referente, cando menos, no Baixo Miño e en Galicia”. 

 Hai uns días o proxecto publicouse en Internet, nunha plataforma para proxectos creativos coa intención de conseguir financiamento. Dende Miño Films anímase a ser partícipe deste documental, agasallando con diferentes recompensas, para quen desexe colaborar, que van dende o agradecemento nos créditos finais ata camisetas, DVDs, ceas para dúas persoas, rutas guiadas polos muíños e mesmo reserva de butaca dobre na súa estrea.

 Todo o relacionado co documental dos Muíños do Folón-Picón pódese ver premendo eiquí ou en facebook.

Para máis información dirixirse o seguinte enderezo electrónico: minhofilms@gmail.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario