FESTIVAL INTERNACIONAL DE XARDINS DE ALLARIZ
A apertura será este sábado 24 de maio, ás 19:00 horas
Infogauda / Allariz
Este sábado, 24 de maio, o quinto Festival Internacional de Xardíns de Allariz abrirá as súas portas cunha nova edición dedicada á “abundancia no xardín” como crítica á austeridade.
Dez xardíns efémeros deseñados por artistas galegos e estatais, Francia, Austria, Italia e Korea compoñen o Festival de Xardíns 2014; unha mestura entre arquitectura e paisaxismo.
A edición 2014 presenta varias novidades “a calidade das propostas presentadas” segundo explicaba o Alcalde de Allariz, e a participación social de pequenos e maiores de Allariz “espírito da xestión municipal”. O Colexio Padre Feijóo de Allariz participa, nesta edición, co deseño dun xardín “divertido, imaxinativo e creativo” que mestura a abundancia coa temática escolar. Tamén os maiores, usuarios do Fogar dos Maiores, participan coa decoración do estanque de entrada ao recinto do festival.
A apertura contará coa presenza dos creadores de 8 xardíns así como de prensa especializada e empresas do sector da xardinería e o paisaxismo, “o que demostra o interese suscitado polo festival”.
A xornada de convivencia cos profesionais do paisaxismo permitirá un intercambio de experiencias e de contactos que dotarán ao festival de promoción e publicidade, para convertelo nun escenario referente “non só para os visitantes, senón tamén para os sectores económicos especializados”.
Outra das novidades refírese á programación específica que se desenvolverá no festival que, durante os meses de maio a outubro, será escenario de actuacións musicais, demostracións de empresas do sector da xardinería, encontros de bloguers ou xornadas de divulgación, entre outros.
O investimento feito foi dunha media de 4.500 euros por xardín sufragados en parte por patrocinios.

Ningún comentario:
Publicar un comentario