24 de mar. de 2014

OIA

TRIBUNA ABERTA

O Concello de Oia ten abandonada a escola infantil


 O pasado venres pechou o prazo de matrícula na escola infantil de Oia. A día de hoxe as familias do concello dispoñen dun total 36 prazas, estando asignadas 3 para casos de emerxencia social. O BNG considera insuficientes ese número total de prazas, sobre todo tendo en conta que o municipio ten unha poboación que ronda os 3.000 habitantes, pero co agravante de que, pola falta de xestión do goberno de Leandro, o ático da escola infantil continúa sen acondicionar desde que se abriu o centro no ano 2008. Coa execución do acondicionamento do ático as familias de Oia poderían dispoñer entre 10 e 15 prazas máis para os seus fillos e fillas.

 O abandono tamén se manifesta na falta de reparación das humidades que se filtran ó interior do edificio e cuxo orixe está nos fallos de construcción das portas de saída ó patio de xogos, zona que por certo non dispón de parasois para facerlle sombra ós cativos. Ademais, neste duro inverno a escola estivo varios días sen calefacción por falta de suministro de gasoil por parte do Concello. A maiores sería convinte dotar á instalación dunha cociña na propia escola, co seu correspondente persoal e prescindir así do catering que se serve desde Vigo.

 O BNG considera moi graves todas estas deficiencias no equipamento da escola infantil e insta ó alcade de Oia a facer as xestións oportunas para darlle solución ás familias e ós nenos e nenas.
(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario