O BNG logra a unanimidade do pleno guardés na defensa do patrimonio artístico das antigas caixas galegas
Infogauda / A Guarda
O Bloque Nacionalista Galego presentou no pasado pleno ordinario unha moción para demandar a titularidade pública e disposición universal do patrimonio artístico das antigas caixas de aforro galegas. A moción foi aprobada por unanimidade.
O BNG considera que o froito do traballo e do esforzo de miles de galegas e galegos acumulouse unha colección de obra plástica e de inmóbeis que representan gran parte da nosa creación artístico-cultural desde finais do século XIX.
Para o BNG este patrimonio mostra o alto nivel que o pobo galego acadou na expresión artística, e conforma a nosa historia e a nosa identidade colectiva.
A Xunta de Galiza ten a obriga legal e moral de velar pola integridade, pola conservación, pola posta en valor e polo rendemento económico deste patrimonio e de evitar por todos os medios o espolio dsta riqueza agora en mans de Novagalicia Banco, máis aínda cando dita entidade acaba de ser vendida a unha entidade privada que ten o seu centro de decisión fóra do país.
“A sociedade galega debe ser consciente deste feito e do risco que corre o patrimonio culturale artístico galego depositado en Novacaixa Galicia. Temos que defender a súa lexítima propiedade e o seu dereito a gozar desta obra artística”, sinalou Xan Lois Lomba Alonso, portavoz municipal do BNG, no Concello de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario