O CONSELLEIRO DE CULTURA E EDUCACIÓN VISITA AS INSTALACIÓNS DO COLEXIO RURAL AGRUPADO MARÍA ZAMBRANO TRAS A SÚA AMPLIACIÓN
- Xesús Vázquez Abad destacou o compromiso da Xunta cos centros educativos do concello do Rosal, en cuxa mellora se levan investido máis de 356.000 euros

J.Alonso/Infomiño
Infogauda / O Rosal
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe as instalacións do Colexio Rural Agrupado (CRA) María Zambrano, do Rosal, co fin de comprobar o resultado dos traballos de ampliación realizados no centro, que supuxeron un investimento superior aos 175.000 euros.
Acompañado da directora do colexio, María Esperanza Iglesias Vilachá, Vázquez Abad percorreu as instalacións do centro, no que estudan 174 alumnas e alumnos, e no que se construíu un novo módulo dotado dunha aula, un aseo de alumnos, un aseo de profesores e un despacho. Desta forma o colexio conta con 2 aulas, unidas entre si mediante un corredor de comunicación. Tal e como destacou o conselleiro, os traballos de ampliación seguiron as indicacións establecidas para que o novo módulo contase con todos os requerimentos de accesibilidade e seguridade. Ademais o edificio foi deseñado para acado o máximo aproveitamento enerxético e illamento.
“Estes traballos –explicou- supoñen dar resposta ás necesidades educativas do concello do Rosal. De feito –explicou- a ampliación foi unha petición da comunidade educativa e do propio Concello, e permite liberar dúas aulas da gardería municipal que estaban a ser ocupadas por alumnos do CRA. Así a reforma redunda nun dobre beneficio xa que, por unha banda, mellora as instalacións do colexio, e por outra permite que a gardería conte con máis espazo para ampliar a matrícula dos nenos de 0 a 3 anos”, engadiu.
Neste sentido Vázquez Abad recordou o compromiso que o departamento que dirixe mantén co Rosal, e que xa se ten manifestado cun investimento total de máis de 381.000 euros no que vai de lexislatura, para a mellora das instalacións do CPI Manuel Suárez Marquer e na devandita ampliación do María Zambrano.
Vázquez Abad aproveitou a súa estancia no CRA María Zambrano para destacar o traballo do colexio en materia de bibliotecas escolares. Neste sentido lembrou que o centro participa deste o curso 2009/2010 no Plan de Mellora, e leva recibidos 15.350 euros para o desenvolvemento de diferentes iniciativas nestes espazos, así como para a mellora dos seus fondos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario