17 de ago. de 2011

O ROSAL

O BNG do Rosal esixe que executen as obras para elevar os pasos de peóns da zona urbana


O BNG parécelle unha tomadura de pelo que, despois de tres anos e medio de aprobarse a proposta, aínda non se levaran a cabo as obras


Alberte Alonso Pereira, Voceiro do Grupo Municipal do BNG e Responsábel local


Infogauda / O Rosal


O pasado pleno celebrado o día 30 de xullo, o BNG volveu preguntar polas obras de elevación dos pasos de peóns na zona urbana. Segundo o voceiro nacionalista, Alberte Alonso Pereira, a resposta do alcalde foi que se 'realizaran antes de finais de ano' e asegurou que “esa xa foi a resposta que deron o ano pasado”.

Alonso Pereira manifestou que en marzo do ano pasado foi anunciado, por parte dun cargo da Xunta nunha visita ao Rosal, que se realizarían esas obras antes de finais de 2010. “A realidade é que a día de hoxe seguimos igual. As obras sen facer” enfatizan os nacionalistas.

O BNG parécelle unha tomadura de pelo que, despois de tres anos e medio de aprobarse a proposta, aínda non se levaran a cabo as obras para elevar os pasos de peóns na zona urbana. “Sería lamentable que tivera que ocorrer unha desgraza para que se executaran as obras” indica Alonso Pereira. “Os pasos da zona urbana son un perigo para os peóns, pola alta velocidade á que pasan algúns vehículos”, engadiu. Nese sentido indicou que a execución destas obras deberían ser prioritarias.

A proposta para que se construíran pasos elevados nas zonas urbanas do Rosal, foi realizada polo grupo nacionalista en xaneiro de 2008 e aprobada pola unanimidade do pleno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario