19 de xul. de 2011

O ROSAL

O BNG considera que a Feira do Viño do Rosal necesita dun novo impulso e cambio de rumbo


Actualmente converteuse máis nunha Festa do Viño que nunha Feira

Alberte Alonso Pereira, Voceiro do Grupo Municipal e Responsabel do BNG no Rosal


O BNG considera que a Feira do Viño do Rosal necesita dun novo impulso e dun cambio de rumbo para que non esmoreza.
“Ano tras ano van a menos as adegas e os expositores que participan na mesma”,
aseguran.

Infogauda / O Rosal



Custes de participación
O voceiro nacionalista no concello, Alberte Alonso Pereira, indica que nos últimos anos as adegas máis modestas están deixando de participar, así como algún produtor de froita fresca. Para os nacionalistas este feito obxectivo está motivado polos custes que lle supón participar na feira, que son inasumíbeis. Ademais do prezo que cobra o concello polo stand e pola ocupación de vía pública, teñen que asumir gastos de electricidade, seguro de responsabilidade civil, ... o que fai moi cara a participación.

Lamentan tamén, que non se lles dea prioridade aos establecementos hostaleiros do Rosal para participar na parte gastronómica da Feira. Aínda que teñen coñecemento de que non participan polos altos custes que se lles esixe.

Nese sentido, os nacionalistas apuntan como alternativa, que o propio concello se dote de stands propios para ofrecerllos aos expositores a prezos máis baixos, abaratando os custes. Os nacionalistas indican que aínda que nun principio supoña un investimento para as arcas municipais, a medio prazo amortizaríase e poderíanse utilizar noutros eventos organizados polo concello ou por asociacións locais. Sinalan así mesmo, que xa hai anos que o BNG fixo esta proposta no concello.

Máis Festa ca Feira do Viño
Así mesmo indican que actualmente este evento converteuse máis nunha Festa do Viño ca nunha Feira. Aseguran que o único obxectivo é comer e beber no recinto, sen que haxa ningunha programación paralela de tipo comercial para os adegueiros. O éxito de público, polo tanto non ten por que indicar o éxito da Feira dende o punto de vista comercial.

Sinalan que as actividades paralelas existentes, unha cata e unhas xornadas técnicas, son moi interesantes e necesarias. Mais botan en falla que na Feira non se organicen encontros de tipo comercial, sobre todo enfocados ás adegas máis pequenas e modestas, que son as que teñen máis problemas de comercialización, por careceren dos medios das grandes adegas.

Así mesmo subliñan que a presenza dunha delegación comercial brasileira, debeuse á iniciativa da Cámara de Comercio de Tui e non a unha iniciativa da organización. Lamentan que ademais só se lles convidou a visitar algunhas adegas e non tiveron un encontro comercial con todas. Ao final, sempre saen beneficiadas as mesmas.

Finalmente, indican que no concello deberían ir pensando en darlle un impulso e un cambio de rumbo á Feira, para que volva ser atractiva para os adegueiros e os produtores do Rosal. Sinalan que de non facelo, a Feira seguirá decaendo e terminará sendo unha mera Festa do Viño organizada polo propio concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario