23 de xul. de 2011

A GUARDA


A Guarda na obra do pintor Xavier Pousa


Este domingo, 24 de xullo, ás 20:30 h., na Casa dos Alonso (Praza do Reló), inauguración da exposición de paisaxes de Xavier Pousa sobre A Guarda e seu entorno


Descubrir A Guarda dende os anos cincuenta ata o 2000 a través dos ollos do pintor Xavier Pousa Carrera, é a proposta do Concello da Guarda na exposición A Guarda, as paisaxes de Pousa.
A mostra inaugúrase o 24 de xullo ás 20:30 horas na Casa dos Alonso, e permanecerá aberta ata o 21 de agosto.
Trinta e sete obras do artista de Goián, que nos levan a percorrer a vida cotiá da vila mariñeira, a través de pequenos detalles, das xentes, as pedras, as cores, a luz....


Un camiño de cincuenta anos no que a historia volve a nós como a infancia, prendida nun barco de vela, no portabultos dunha bicicleta, nun solpor na Foz do Miño, no son dunha onda de inverno. A Guarda nos ollos de Pousa, o Baixo Miño, as forzas encontradas na Barra, río e mar, a vila en calma, o porto a bulir, e sempre o mar e Portugal.



Paisaxes que falan das vivencias do pintor no seu entorno, da súa forma lene de mirar, da súa calma no percorrido diario, de todos os veráns pasados na Guarda, cincuenta anos coa familia e amigos, de cercanía, de tertulias, da calma que atopou mirando a néboa levantarse no esteiro pola mañá e rematando a tarde pintando o Miño nun lenzo inacabado. Esa é a exposición.



Xavier Pousa naceu en Goián (Tomiño) en 1931 e comezou a pintar aos trece anos co pintor goianés Antonio Fernández. No ano 1950 trasladouse a Madrid a estudar na Escuela de Bellas Artes de San Fernando. En 1952 percorre Europa para coñecer o traballo dos impresionistas e descubrir as vangardas que xa ocupaban espazos nos museos de arte moderno. O coñecemento foi para él unha prioridade, por iso percorreu museos de todo o mundo para coñecer a obra dos grandes mestres. Xavier Pousa, membro da Real Academia Galega de Belas Artes, participou activamente da vida cultural de Galicia.



Exposición: do 24 de xullo ao 21 de agosto de 2011.
Lugar: Casa do Alonso. Praza do Reló s/nº. A Guarda
Horario:

Luns a sábado de 11:00 a 14:00 e de 20:00 a 22:00
Domingos de 11:00 a 14:00

Ningún comentario:

Publicar un comentario