12 de xul. de 2011

GALICIA




O BNG DEMANDA UN PLAN ESTRATÉXICO PARA REACTIVAR A CONEXIÓN GALIZA-PORTUGAL QUE GARANTA O SERVIZO VIGO-TUI


Carme Adán defenderá no Parlamento galego que o Ministerio de Fomento elabore un Plan de reactivación desta conexión, a modernización das infraestruturas e unha memoria económica para o seu desenvolvemento

Infogauda / Galicia



A deputada do BNG, Carme Adán rexistrou unha Proposición non de lei na que insta ao Parlamento a dirixirse ao Ministerio de Fomento para demandar un Plan estratéxico que reactive a conexión ferroviaria Galiza-Portugal garantindo o servizo de ferrocarril Vigo-Tui.
Asemade, este plan debe incluír a modernización das infraestruturas, o cronograma de actuacións e unha memoria económica para o seu desenvolvemento.
Para a deputada do BNG, “Tui ocupa unha lugar central na configuración económica e cultural da eurorrexión” e as posibilidades de comunicación a través do ferrocarril con Vigo, “son moi escas e mesmo corren o perigo de ser nulas”.
Neste momento, afirma Adán e tras aceptar Portugal manter o servizo de tren até Tui, cómpre máis que nunca unha definición da estratexia por parte de Galiza. Na súa opinión , sería “inaceptable” deixar morrer o servizo Tui-Vigo e un erro político de graves consecuencias económicas.
A parlamentaria lembra que a Eurorrexión, Galiza-Portugal ocupa unha superficie de 51 mil Km e que o tráfico medio diario de vehículos pesados e lixeiros que transita a zona fronteiriza supón o 49% de todos os intercambios existentes ao longo de toda a franxa fronteiriza entre o Estado español e portugués.
Para a deputada do BNG esta é unha realidade á que o tren representa unha alternativa sostible á hora de desconxestionar as estradas, reducir a contaminación e optimizar a seguridade viaria, polo tanto, asegura Adán, “é un erro deixar esmorecer a conexión Vigo-Tui ou Vigo Valença” poñendo en risco o futuro económico da eurorrexión por non contar cunha liña ferroviaria necesaria que una as cidades de Vigo e Porto sempre suxeita ás mellores condicións para persoas e mercadorías.

Ningún comentario:

Publicar un comentario