20 de xan. de 2011

OURENSE

BALTAR PROMOCIONA A PROVINCIA EN FITUR COA CAMPAÑA "EXPLORA OURENSE, VIVE O TEU INTERIOR"



O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, presenta na feira internacional de turismo de Madrid (Fitur) a nova campaña de promoción turística da provincia de Ourense, promovida polo Inorde e o Padroado de Turismo: “Explora Ourense, vive o teu interior”.
José Luis Baltar afirmou que coa experiencia acumulada estes anos “pola comunicación cos nosos visitantes, coa reflexión común co sector e observando os hábitos e demandas do turista fomos valorizando a marca: “Ourense, con outra mirada”, que agora entronca coa primeira marca turística de Galicia, que inicia a súa andaina, con criterios de futuro e de éxito neste ano post-Xacobeo”.
En opinión do presidente provincial “observamos que a partir de 2008, empézase a incidir no consumidor que antes tiña como prioridade os servizos e agora paga ademais por sensacións, experiencias, vivencias ou historias”, e felicitou aos responsables de turismo da Xunta de Galicia “por entender que Galicia é unha marca, e apostaremos fortemente por: “GALICIA gárdasme o segredo”.
No seu discurso na presentación do stand de Ourense en Fitur, José Luis Baltar dixo que Galicia é un destino “evocador de emocións e sensacións, envolvido nun aire de fantasía e misterio. Non temos dúbidas de que o novo consumidor está necesitado de encher a súa pirámide emocional. Unha marca turística non é un produto nun lineal dunha tenda, xa que na actividade turística concorren múltiples axentes públicos e privados, cunha diversidade de intereses e nun mercado tremendamente saturado, por iso pido que sumemos esforzos, que non dispersemos os recursos e que en 2011 poñámonos como obxectivo, vender Ourense e Galicia, porque todos sairemos beneficiados”.
Baltar rematou afirmando que dende a Deputación de Ourense “daremos todo o apoio, colaboración e ánimo á Xunta de Galicia e en concreto aos responsables de Turismo para que sigan traballando nesta liña, incrementando a cota nese mercado turístico tan globalizado e saturado de produtos de calidade cada vez máis competitivos”, e convidou a todos “a sentir esa sensación máxica que espertan as terras de Ourense”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario