
O BNG ven de presentar dúas iniciativas no Parlamento Galego nas que lle demanda á Xunta de Galiza que implante un servizo de Radioloxía no Punto de Atención Continuada (PAC) da Guarda.
As deputadas nacionalistas Carme Adán e Ana Luisa Bouza lembran que este PAC atende a unha poboación aproximada de 19.748 habitantes dos concellos de Oia, O Rosal e A Guarda, aos que hai que sumar parte dos desprazados.
Sen embargo, denuncian que “este servizo sanitario, fundamental para a poboación desta comarca, leva arrastando unha serie de deficiencias e falta de servizos que afectan á calidade na atención sanitaria dos veciños e veciñas”.
En concreto, critican a falta dun servizo de Radioloxía, o que obriga aos pacientes a trasladárense a Vigo, que está a uns 50 quilómetros de distancia.
“Isto supón -aseguran- trastornos graves na axenda diaria das persoas e gastos para a poboación, porque se non se desprazan a Vigo, a única alternativa é acudir á medicina privada que existe no concello, co seu conseguiente gasto económico”.
Ante esta situación, o BNG presentou no Parlamento de Galiza unha proposición non de lei pola que instan á Consellaría de Sanidade a “implantar un Servizo de Radioloxía no PAC da Guarda, mellorando deste xeito o servizo sanitario”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario