21 de set. de 2009

A GUARDA

MÉRCORES 23 DE SETEMBRO: FESTIVIDADE DE SANTA TREGA, AVOGADA DA CABEZA E DO CORAZON



Infogauda / A Guarda
A poboación da Guarda prepárase para a celebración - o vindeiro mércores día 23 de setembro -, da festividade de Santa Trega, que terá lugar no incomparable cume do monte sacro que leva o nome desta santa natural de Iconio.
Seguindo a convocatoria da multisecular Irmandade do Clamor, os devotos de Santa Trega, escomenzarán a subida cara á súa ermida ó alborear o día, para reza-lo Santo Rosario, efectuar ofrendas de flores nos Vía Crucis e posteriormente asistir ás misas que se oficiarán ás 8:00, 9:00 e 10:00 h..
A eucaristía solemne, que estará presidida polo Prior da Irmandade do Clamor, e contará coa asistencia de diferentes autoridades do Rosal e da Guarda, dará comezo ás 11:00 da mañá. Nesta ocasión, segundo puido saber Infogauda, a ofrenda a Santa Trega será efectuada pola presidenta da Asociación para á Recuperación do Traxe Galego, de A Guarda.
Ao termo da celebración eucarística, terá lugar a procesión, na que participarán numerosas persoas de toda a comarca do Baixo Miño, algunhas das cales portan diversas ofrendas en especie que tras devolver a imaxe de Santa Trega á súa sitial no interior da capela, serán poxadas no púlpito ao aire libre, próximo ao Piñeiral da Santa.
Peixe curado ao sol, viño e licores de produción artesanal, marisco, froitas, hortalizas - maioritariamente ristras de cebolas da Cruzada -, espigas "raíñas", tapetes, reproducións de gamelas, sobremesas caseiras,..., previamente ofrecidos á santa, seguindo a tradición diezmal; serán pública e rápidamente poxados, na "poxa dos froitos".Un evento que adoita congregar a centos de persoas, que seguen ese ritual ata seu remate.
Ao termo da poxa tamén será sorteada a "Regueifa", ou Tarta de Santa Trega, que adoita levar un grato agasallo sorpresa para a persoa afortunada. Toque ou non toque o agasallo, achégase o intre no que algunhas familias adoitan escomenza-lo xantar ó aire libre.
A hora de xantar, sería toda unha mostra de civismo, que ninguén se situase no interior do poboado galaico-romano, para evitar, no posible os danos que en ocasións se producen no xacemento arqueolóxico, especialmente nas vivendas descubertas.
Se como é de agardar, a climatoloxía é favorable, os romeiros tras pasar a maior parte do día no cume do Monte Santa Trega, irán baixando a media tarde para tomar posicións no Parque do Cancelón (O Montiño), onde terá lugar a merenda-cea e probablemente, un animado baile popular, amenizado por algún grupo de gaitas da Guarda, que espontáneamente porá as súas notas musicais, convidando a todos a gozar dos seus compases.

Ningún comentario:

Publicar un comentario