20 de xul. de 2009

O ROSAL

RAFAEL LOUZÁN PRESENTOU UN ESTUDO HISTÓRICO-ETNOGRÁFICO DOS MUIÑOS DO FOLÓN E DO PICÓN, NO CONCELLO DO ROSAL

Esta publicación, editada pola Deputación de Pontevedra, recolle un estudo histórico-etnográfico dos muíños do Folón e do Picón


Infogauda / O Rosal
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, presentou hoxe “Os muiños do Folón e do Picón na vila do Rosal Conxunto histórico-etnográfico de Galicia” no auditorio da vila que da nome o libro. Esta obra foi escrita por Xoán Martínez Tamuxe e Juan Ramón Martínez Barbosa e editada pola Deputación. No acto estiveron, ademais de Louzán e os autores do libro, o alcalde do Rosal, Jesús María Fernández Portela.
O final da presentación - que estivo arroupada por moitos rosaleiros e veciños de concellos miñotos, de unha e outra banda do Miño -, obsequiouse a todos os asistentes cun exemplar do libro.
A obra constitúe unha nova entrega que se incorpora ó catálogo de publicación da Editorial desta institución sobre o interesante mundo dos muíños. Pertencente á colección “Etnografía, socioloxía, antropoloxía” o libro recolle un estudo histórico-etnográfico dos muíños do Folón e do Picón, situados na freguesía de Santa Mariña, no concello do Rosal.
Outros libros publicados pola Deputación neste ámbito son: “Guía para o estudo dos muíños de auga da Terra de Caldas de Reis”, “Muíños de río nas terras de Pontevedra”, “Muíños nas terras de Redondela”, “Muíños no concello de Meaño”, “A auga que nos leva. Os muíños do río Armenteira”, “Muíños do concello de Ribadumia” ou os documentais de Federico de la Peña “Muíños tradicionais en Pontevedra” e “A muiñada do Salnés”.

Un complexo único
Os dous encraves de muíños en cuestión teñen unha excepcional importancia xa que se encadran dentro dun complexo único composto por 67 muíños de auga distribuídos en cascada e datados dos séculos XVII e XVIII, que foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia no ano 1998, con categoría de Lugar de Interese Etnográfico. Estas construcións atópanse, ademais, ó longo dunha rede de camiños, vieiros e canles que conforman un espazo natural, paisaxístico e cultural de grande interese, dende o que se pode observar o val do Rosal, e, máis ó lonxe, a desembocadura do Miño, Portugal e o monte de Santa Trega.

Os muíños a fondo
Todos os muíños son de pedra, cunha porta e unha ventá; en xeral teñen forma rectangular, unha cuberta dunha soa auga e unha soa roda, aínda que algúns tiñan un alboio para acoller o transporte animal. Só moían tres meses ó ano, os do inverno, porque a auga procedente do río Riobó (actualmente Folón) durante o verán empregábase nos campos.

O libro
Este traballo permite non só dar a coñecer estas construcións senón tamén reflexionar sobre unha parte da nosa historia e un modelo de vida moi afastado do actual. A obra, de gran rigor histórico, afástanos da visión romántica tradicional neste tipo de traballos e achéganos á dura realidade das xentes que os empregaron.

Ningún comentario:

Publicar un comentario