España incumpre o convenio da OIT: esixe cotizar por mariñeiros que non residen no país, pero non pode garantirlles as prestacións
• Se os armadores da flota de palangre de superficie limítanse a cumprir a lei española, non cumpren cos seus mariñeiros, porque a Seguridade Social pola que cotizan non chega a quen vive noutro país, nin ás súas familias en caso de accidente ou enfermidade grave
• Orpagu lembra que o convenio 188 da OIT, en vigor en España desde 2024, está por encima da lei española, como xa entenderon Portugal e Francia
A Festa do Peixe España incumpre o convenio 188 da Organización Internacional do Traballo (OIT) sobre o traballo na pesca ao esixir cotizar polos tripulantes estranxeiros da flota de palangre aínda sabendo que non existen convenios bilaterais cos seus países de orixe polo que non poderán acceder ás prestacións do sistema de Seguridade Social. Así o denuncia Orpagu, a organización de produtores con sede na Guarda, que pide ao Goberno que aplique dunha vez un convenio que está en vigor en España desde o 29 de febreiro de 2024.
Para que eses mariñeiros estean protexidos de verdade, os armadores contratan a maiores un seguro privado que cobre aos traballadores e ás súas familias no seu país de orixe. Unha situación surrealista que, segundo sinalan desde Orpagu, non sofren outras flotas europeas, como a portuguesa ou a francesa.
O problema nace da forma en que traballan estes barcos. Levan bandeira española, pero faenan en caladoiros afastados e non volven a España, porque o gasto en combustible non compensa a viaxe e as descargas fanse en portos doutros países. Para a Administración, esa bandeira convérteos en empresas españolas para todos os efectos, tamén cando contratan a tripulantes estranxeiros que nin residen en España nin teñen intención de facelo.
Sobre o papel non hai problema. Pero se un deses mariñeiros enferma ou sofre un accidente, está a miles de quilómetros de calquera centro de saúde español, e un sistema pensado para quen vive en España non pode atenderlle. Se o armador se limitase a cumprir a lei española, non cumpriría coa súa tripulación. Para cumprir coas dúas cousas acaba sostendo dúas coberturas, e só unha delas protexe o mariñeiro.
O convenio da OIT, aprobado en 2007, parte doutra lóxica e encarga a seguridade social do pescador ao país no que reside habitualmente. E manda sobre a lei española. A Lei de Tratados de 2014 establece que un convenio ratificado e publicado prevalece sobre calquera norma interna coa que choque, salvo a Constitución, e obriga a todos os poderes públicos a respectalo. Francia, que o ratificou en 2015, e Portugal, que o fixo en 2019, entendérono así, sinala Orpagu, e as súas flotas traballan con tripulantes non residentes sen arrastrar este problema. España fixo a ratificación en febreiro de 2023 e o convenio entrou en vigor un ano despois, pero máis de dous anos e medio máis tarde a norma española segue sen cambiar.
Ninguén discute o que está a pasar. A Administración recoñece o problema, pero no canto de aplicar o convenio sostén que antes necesita unha norma con rango de lei publicada no BOE. Para Orpagu, coa Lei de Tratados na man, basta con aplicalo. Se o Goberno insiste na vía legal, a organización propón a máis rápida: incluír unha disposición adicional na primeira lei que se tramite, unha fórmula habitual que non obriga a sacar unha lei propia.
Mentres tanto, a protección real destes mariñeiros depende dun seguro privado e non do sistema público, e a bandeira española empeza a perder barcos: xa hai armadores de Orpagu co cambio de bandeira en marcha. E por parte dos traballadores afectados, xa hai quen está falando mesmo de que podería tratarse dun caso de apropiación indebida por parte da administración do Estado
"Nós cumprimos coa lei e cumprimos coa nosa xente, aínda que iso nos obrigue a pagar dúas coberturas. Quen non cumpre é a Administración, que nos esixe cotizar por uns mariñeiros aos que o seu sistema non pode atender porque non viven aquí, e que leva máis de dous anos sen aplicar un convenio que ratificou. Portugal e Francia aplícano. Nós só pedimos o mesmo", resume a directora xerente de Orpagu, Juana Parada.
O precedente de Noruega
Non sería a primeira vez que a residencia deixa sen prestacións a mariñeiros galegos. Miles deles traballaron en barcos noruegueses entre 1948 e 1994 e quedaron sen pensión porque Noruega alegou que non residían alí. Levan anos nos tribunais e en 2023 chegaron á ONU. Orpagu advirte de que España se expón ao mesmo cando estes tripulantes pidan unhas prestacións que o sistema non pode garantirlles.

Ningún comentario:
Publicar un comentario