17 de set. de 2026

TUI

O bonito centra as segundas Xornadas Gastronómicas no Mercado de San Antonio  

• Celebraranse o sábado, 26 de setembro ofertando tres elaboracións deste produto 

 

A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, con Stefano Quarta, cociñeiro natural de Lecce (Italia) e María Purificación Correa, natural de Tui, xerentes do restaurante Al Dente
Foto: CT

Infogauda/Tui

 Tras o éxito das primeiras Xornadas Gastronómicas "Saborea o Mercado de San Antonio" dedicadas ao mexillón, celebradas o pasado mes de agosto, o próximo sábado, 26 de setembro, terá lugar a segunda edición deste evento no que o protagonista será o Bonito.  

 Dende ás 11 h poderá degustarse este produto en tres elaboracións realizadas polo restaurante Al Dente que colabora nesta iniciativa do Concello de Tui.  Será Empanada de Bonito, Bonito á prancha sobre crema de pataca, cebola e pimentón, e Tartar de Bonito.  Cada ración terá un prezo de 6€.  

 Con esta iniciativa o Concello de Tui aposta pola gastronomía e o produto local no Mercado de San Antonio, que recentemente vén de acadar o recoñecemento de Mercado Excelente.  

 A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, destaca como esta é unha excelente oportunidade para achegarse ao Mercado de San Antonio, gozar da nosa gastronomía e coñecer todo o que nos ofrecen os praceiros e praceiras nos seus postos. Engade que esta é unha proposta tanto para as persoas que habitualmente realizan as súas compras na praza, como tamén unha excelente ocasión para achegarse a coñecer o Mercado, e tamén unha actividade dirixida a todas as persoas que estes días visitan Tui, tendo en conta que a gastronomía é tamén un gran atractivo turístico que se suma ao patrimonio histórico e cultural con que conta a cidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario