18 de set. de 2026

TUI

Carlos Blanco abrirá a programación de Outono no Teatro Municipal de Tui 

 Haberá sete espectáculos de teatro, danza, e monólogo con propostas para público familiar e adulto nos meses de outubro e novembro 


O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, na presentación da programación de Outono no Teatro Municipal de Tui 
Foto: CdeT

Infogauda/Tui

 Carlos Blanco abrirá o venres, 2 de outubro, a programación de Outono no Teatro Municipal de Tui.  O monólogo “A Penúltima” encabeza un cartel formado por sete espectáculos de teatro, danza, e monólogos con propostas para público familiar e adulto.  

 A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destaca o espírito desta programación que achega ata a cidade unha ampla oferta cultural para públicos de todas as idades con diversidade de xéneros.  O alcalde, Enrique Cabaleiro, sinala como a cultura é un dos elementos que singulariza a cidade, tanto polo seu patrimonio cultural como pola actividade que ao longo do ano se celebra nos distintos espazos.  

 En “A Penútima” Carlos Blanco volve a Tui para contar historias novas e vellas, cunha proposta escénica na que durante 70 minutos as risas están garantidas.  

 Talía Teatro regresa ao Teatro Municipal coa súa última montaxe “Un Deus Salvaxe” de Yasmina Reza o venres, 9 de outubro, ás 21 h. A  obra dirixida por Artur Trillo conta cun elenco formado por María Ordoñez, Dani Trillo, Marta Lado e Toño Casais.  

 Mentres o venres 13 de novembro, ás 21 h , o grupo Chévere representará “Ictus (Anatomía de “A Derradeira Leición” de Castelao”. Esta coprodución de Chévere co Centro Dramático Nacional conta cunha narrativa accesible a persoas xordas e persoas cegas, integrando en escena a lingua de signos (LSE) para persoas xordas signantes e conta con audiodescrición en directo desde o escenario integrada na narrativa, para persoas con discapacidade visual. Sobre o escenario estarán Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Borja Fernández, Gema Santos, Marcos Pereira baixo a dirección de Xron, responsable tamén da dramaturxia da obra.  

 Fran Sieira e Caamaño & Ameixeiras  presentarán o venres 23 de outubro, ás 21 h, “Benquerer”, unha peza na que se mestura música e danza en directo conectando o día a día, cos procesos de adaptación ante os cambios.  

 O público infantil e familiar poderá bailar e rir con “Dedín, Dedín, Dedal” de Malasombra Producións  o venres, 16 outubro 19 h no Teatro Municipal de Tui. Yoli Lorenzo e Brais Iriarte dan vida a este espectáculo creado e dirixido por Andrea Bayer e Óscar Ferreira.  

 As e os máis pequenos da casa e as súas familias poderán gozar, o venres 30 de outubro coa posta en escena de “Coralinda” da man de Elefante Elegante. É unha comedia xestual, creada por María Torres e Gonçalo Guerreiro.  

 Mentres o venres 9 de novembro, ás 19 h  Tanxarina presentará  “A Biblioteca Galáctica”, que recibiu o premio María Casares 2026 na categoría de Mellor Espectáculo de Monicreques, obxectos e formas animadas.  

 Trátase dunha comedia trepidante chea de sorpresas, música e humor, creada especialmente para conmemorar o 75º Aniversario da Editorial Galaxia.     

 As entradas para todos os espectáculos están á venda en tui.gal até 10 minutos antes do inicio de cada función.

Ningún comentario:

Publicar un comentario