23 de set. de 2026

TOMIÑO

O PSdeG-PSOE DE TOMIÑO DENUNCIA QUE O PLAN DE TRANSPORTE DA XUNTA É UN RECORTE ENCUBERTO E MAQUILLADO, QUE PREMIA Á EMPRESA PRIVADA POR DEIXAR MORRER O SERVIZO  

•  As concelleiras socialistas presentan 11 alegacións contra un "copia e pega" de despacho que blinda o negocio das concesionarias mentres illa ás parroquias. 

•  A formación destapa un modelo económico cun 6% de beneficio neto asegurado: canto peor sexa o servizo e menos se use, máis cartos públicos recibe a empresa. 

•  Denuncian o desamparo de traballadores e pacientes, e tachan de "anacronismo" que a Xunta considere o Embarcadoiro de Goián como un nodo marítimo activo.  


As concelleiras do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño nunha das paradas do autobús interurbano
Foto: GMS

Infogauda/Tomiño 

 O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño presentou un contundente escrito de 11 alegacións contra o novo proxecto de explotación do transporte público autonómico da Xunta. As concelleiras socialistas denuncian que o documento non recolle ningunha mellora real, senón que constitúe un recorte de servizos encuberto que consolida o illamento do municipio, redactado sen ningún tipo de traballo de campo nin interese por promover o uso do autobús. 

 Para as socialistas, a maior trampa do plan é un modelo económico que blinda por contrato un beneficio neto do 6% ás grandes empresas privadas sobre os seus gastos de explotación. Con este sistema, a Xunta pagará o déficit con diñeiro público se os autobuses van baleiros, o que xera un incentivo perverso: canto peor sexa o servizo e menos se use por mor de horarios absurdos, máis fácil lle resulta á concesionaria xustificar novos recortes mentres o seu negocio privado segue asegurado. 

Deserto de horarios e hachazo ao rural 

 O preproxecto deseñou un deserto de horarios que ignora por completo as quendas do tecido industrial e do persoal sanitario, deixando desamparados aos operarios de mañá, tarde e noite. No ámbito sanitario, o plan castiga aos usuarios con horarios que non coinciden coas consultas médicas en Vigo, provocando un grave impacto social e unha fenda de xénero rural que illa ás mulleres maiores coidadoras cando os seus compañeiros son ingresados. 

 Como parte desta estratexia, cualifican de "hachazo" a implantación do modelo "baixo demanda" no rural, substituíndo o autobús regular por furgonetas ou taxis que se deben solicitar por teléfono cun día de antelación. Isto supón unha barreira administrativa insalvable para unha poboación dispersa e envellecida nas nosas 15 parroquias, que ademais se ve agravada pola fragmentación e ameaza de desmantelamento da ruta histórica Tomiño-Gondomar. 

Fendas educativas e conexión con Portugal 

 A formación tacha de "anacronismo de despacho" que o proxecto considere o Embarcadoiro de Goián como un nodo de transporte marítimo activo baseándose no vello transbordador, demostrando que o estudo ignora a realidade da Ponte da Amizade e a conexión con Portugal. Así mesmo, a Xunta pasou por alto a urxencia de crear liñas directas co Campus Universitario (CUVI) e conexão nocturnas os venres na Intermodal para os estudantes que regresan do norte de Galicia. 

 Por todo isto, o Grupo Municipal esixe que a Consellaría realice un estudo oposto e integral desde cero, garanta autobuses de reforzo en horas punta, pantallas de información en tempo real e o 100% da frota accesible para persoas de mobilidade reducida asegurada. 

 "Non imos permitir que se desmantele o transporte de Tomiño mentres se enriquecen as empresas con cartos de todos", conclúen.

Ningún comentario:

Publicar un comentario