Palestra en Salceda de Caselas sobre a situación de Palestina
• A cita será este xoves, 1 de outubro, ás 20.00 horas, no Centro de Servizos Sociais da Devesa, en Salceda de Caselas.
Infogauda/Salceda de Caselas
Salceda de Caselas acollerá este unha palestra sobre a situación de Palestina, organizada por Mar de Lumes e o BNG, coa participación de Fayed Badawi, ex-portavoz da Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP).
A actividade terá lugar este xoves, 1 de outubro, ás 20.00 horas, no Centro de Servizos Sociais da Devesa, baixo o título “De Ormuz a Palestina; os tentáculos do imperialismo ianki sionista”.
A iniciativa pretende volver situar a situación palestina no centro do debate público nun momento no que, segundo sinalan as entidades organizadoras, a presenza do conflito nos medios de comunicación diminuíu considerablemente. Mar de Lumes e o BNG consideran que este menor espazo informativo dificulta o seguimento dunha crise que continúa prolongándose no tempo e que está marcada, entre outras circunstancias, polas restricións de acceso dos medios internacionais ao territorio.
As organizacións convocantes poñen tamén o foco na situación do xornalismo palestino. Segundo indican, varios profesionais da comunicación foron detidos tanto en Gaza como en Cisxordania, e existen denuncias e informes sobre malos tratos aos xornalistas arrestados.
A palestra pretende, así, contribuír a recuperar a atención pública sobre a realidade palestina e abrir un espazo de análise e reflexión arredor do conflito, dos seus antecedentes e das súas consecuencias para a poboación civil.
Desde Mar de Lumes e o BNG defenden, neste sentido, a necesidade de manter vivo o debate sobre o respecto dos dereitos humanos e sobre as denuncias formuladas por distintas organizacións respecto da situación da poboación palestina, incluídas as acusacións de xenocidio.
A intervención correrá a cargo de Fayed Badawi, presentado pola organización como ex-portavoz da FPLP, que abordará a situación de Palestina nunha sesión que tamén propón unha lectura máis ampla do contexto xeopolítico de Oriente Próximo, baixo o eixo “De Ormuz a Palestina”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario