18 de set. de 2026

OPINIÓN

A Comunidade de Montes de Teis pon en coñecemento da Fiscalía Anticorrupción presuntos feitos constitutivos dun delito continuado de prevaricación por parte do Concello de Vigo 


Membros da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Teis, que asistiron a presentación da denuncia diante da Fiscalia  Anticorrupción
Foto: CMMVVenMCdeTeis
Xustificante da presentación da denuncia na Fiscalia de Área de Vigo

Eduardo García Crespo*

 A Comunidade de Montes de Teis quere informar aos medios de comunicación de que, no día de hoxe, 18 de setembro, vén de poñer en coñecemento da Fiscalía Anticorrupción uns feitos que considera presuntamente constitutivos dun delito continuado de prevaricación por parte do Concello de Vigo. 

 No ano 2009, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou sentenza firme a favor da demanda xudicial presentada pola Comunidade de Montes de Teis, pola que reclamaba a titularidade de diferentes parcelas que foran ocupadas polo Concello de Vigo e que formaban parte do Monte Veciñal de Teis. 

 Como consecuencia desta sentenza, o terreo no que se atopaban as instalacións do Zoo de Vigo foi recoñecido como propiedade da Comunidade de Montes de Teis. 

 Cómpre salientar que o fallo recoñecía a titularidade do terreo, pero non a das instalacións e construcións existentes nel, ao apreciar a existencia de boa fe na ocupación das parcelas por parte do Concello de Vigo. 

 Debido a esta particularidade e á imposibilidade económica da Comunidade de Montes de Teis de resarcir o Concello de Vigo polo valor das instalacións existentes, o Concello continuou ocupando e xestionando o Zoo de Vigo en situación de precario. 

 É importante sinalar que esta situación deriva do establecido na sentenza firme, que determina de maneira clara que, mentres o Concello permanecese nas instalacións situadas sobre a propiedade da Comunidade de Montes de Teis, non podería executar obra nova, limitándose as actuacións permitidas ás necesarias para a reposición e o mantemento das instalacións existentes. 

 Ao longo destes anos, a Comunidade de Montes de Teis realizou múltiples tentativas para tratar de resolver esta situación mediante un acordo entre as partes. Porén, atopouse non só coa negativa do Concello de Vigo, senón tamén cunha política que, ao noso entender, contribuíu a invisibilizar o problema e a ignorar, na práctica, a situación derivada da sentenza xudicial. 

 A pesar do establecido na sentenza, o Concello de Vigo continuou executando novas obras no Zoo de Vigo, actividade que se intensificou especialmente nos últimos anos. 

 No ano 2023, e precisamente debido a esta intensificación da execución de obra nova, a concelleira delegada responsable contactou coa Comunidade de Montes de Teis para iniciar unha negociación que permitise alcanzar un acordo entre as partes e posibilitar unha transformación legal do Zoo de Vigo na instalación actualmente denominada Parque das Ciencias. 

 A reunión foi solicitada pola propia concelleira delegada. Como resultado dese encontro, acordouse que a Comunidade de Montes de Teis presentaría unha proposta de acordo ao Concello de Vigo. 

 A Comunidade de Montes de Teis presentou esa proposta ao Concello de Vigo. Porén, sorprendentemente, nunca recibiu resposta por parte do Concello, que posteriormente continuou coa execución de novas obras. 

 Trátase, en moitos casos, de actuacións de relevancia, perfectamente visibles, anunciadas polo propio Concello de Vigo e recollidas con frecuencia nos medios de comunicación. 

 Para que a transformación do antigo Zoo de Vigo no actual Parque das Ciencias se produza dentro dun marco de legalidade, resulta necesaria a titularidade ou dispoñibilidade legal dos terreos sobre os que se asenta a instalación. Esta circunstancia non se produciría na actualidade, ao non estar regularizada a situación da propiedade dos terreos. 

 A presente denuncia prodúcese nunha situación que a Comunidade de Montes de Teis considera de absoluto desamparo, ante o que entende como unha actuación municipal que estaría producíndose sen atender ao establecido pola sentenza firme. 

 Consideramos que os feitos aquí expostos son de especial gravidade, ao tratarse, ao noso entender, dun posible incumprimento mantido no tempo dunha sentenza firme por parte do Concello de Vigo, administración pública que debería ser a primeira en garantir o seu cumprimento. Do mesmo xeito, a Comunidade de Montes de Teis considera que os feitos descritos poderían poñer de manifesto unha falta de boa fe por parte do Concello de Vigo no cumprimento das obrigas derivadas da resolución xudicial. 

 Agora corresponde á Fiscalía estudar os feitos postos no seu coñecemento e determinar a súa natureza xurídica, así como, de ser o caso, as posibles responsabilidades que puidesen derivarse deles. 

 A Comunidade de Montes de Teis considera fundamental que se esclareza esta situación e que se determine se as actuacións realizadas polo Concello de Vigo se axustan ou non ao establecido pola sentenza firme e ao ordenamento xurídico vixente.

Presidente da Comunidade de Montes de Teis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario