18 de set. de 2026

O ROSAL

Fogaricas arranca un novo curso dando voz á infancia e mocidade do Rosal   

•   O grupo municipal de participación infantil e xuvenil reuniuse para ir preparando as vindeiras actividades coa ollada xa posta na celebración do Día Mundial da Infancia o 20 de novembro 

 

Fogaricas, o grupo municipal de participación infantil e xuvenil, acaba de iniciar un novo curso cun primeiro encontro
Foto: COR

Infogauda/O Rosal

 As voces máis novas do Rosal volven ter moito que dicir. Fogaricas, o grupo municipal de participación infantil e xuvenil, acaba de iniciar un novo curso cun primeiro encontro no que as e os participantes comezaron a compartir ideas e a preparar as actividades que desenvolverán durante os vindeiros meses. 

 Esta primeira toma de contacto serviu para organizar o traballo do novo curso e poñer xa a mirada nunha das datas máis importantes do calendario para o grupo: o 20 de novembro, Día Mundial da Infancia. Fogaricas comezará nas vindeiras semanas a traballar na preparación do Pleno Infantil, un espazo no que nenos, nenas e adolescentes poderán trasladar directamente ao goberno municipal as súas reflexións, preocupacións e propostas para mellorar O Rosal. 

 A rapazada traballará tamén arredor de ‘Estamos aquí’, unha actividade impulsada por UNICEF con motivo do seu 80 aniversario que busca achegar os dereitos da infancia á realidade máis próxima dos nenos, nenas e adolescentes e promover a súa participación activa. A proposta desenvolverase en catro bloques para afondar no coñecemento dos dereitos na infancia e analizar se se compren tanto na súa contorna máis próxima como nutras partes do mundo. A partir desa reflexión, as e os integrantes de Fogaricas elaborarán mensaxes, propostas e peticións dirixidas aos responsables políticos levando as súas propias conclusións do debate á acción.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca que “este grupo de participación permítenos coñecer o municipio desde unha ollada diferente e imprescindible, a da nosa infancia e mocidade. Queremos que sintan que a súa opinión importa, que teñen espazos para expresarse e, sobre todo, que as súas ideas e propostas poden contribuír a mellorar o noso concello”. 

 Ao longo do curso, o grupo reunirase para debater, analizar e buscar propostas de mellora sobre aqueles temas que afectan directamente á infancia e á adolescencia, trasladándoas posteriormente ao goberno local. Unha forma de fomentar desde idades temperás a participación activa na vida municipal, o diálogo e a implicación coa contorna. 

 Como explica a concelleira de Voluntariado, Beatriz Rodríguez, “o importante é que Fogaricas sexa un espazo realmente seu, no que poidan falar do que lles preocupa, propoñer cambios e compartir como lles gustaría que fose o municipio no que viven. Comezamos este curso con moitas ganas”. 

Novas voces para Fogaricas 

 O inicio do curso abre tamén a porta a novas incorporacións ao grupo. Fogaricas está dirixido a rapazas e rapaces de entre 9 e 17 anos que teñan ganas de facer cousas diferentes, coñecer outras persoas da súa idade, compartir as súas ideas e participar activamente na vida do municipio. 

 As persoas interesadas poden inscribirse en Fogaricas a través do formulario dispoñible na páxina web do Concello do Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario