Natalia Golo leva a súa pintura á Galería de Arte Caminhense
• A pintora rusa afincada no Baixo Miño presenta en Caminha unha selección da súa obra do 18 ao 24 de setembro
Ricardo Rodríguez Vicente/Caminha
A pintura volverá tender unha ponte entre as dúas beiras do Miño coa chegada de Natalia Golovastikova, Natalia Golo, á Galería de Arte Caminhense, na Praza do Conselheiro Silva Torres, en Caminha. A artista, natural de Saratov (Rusia) e residente no Rosal, presentará neste espazo unha selección da súa obra entre os días 18 e 24 de setembro, nunha exposición que permite achegar ao público portugués unha traxectoria artística construída ao longo de décadas e profundamente vinculada tamén á paisaxe do Baixo Miño.
A historia artística de Natalia Golovastikova comeza en Rusia, onde desde moi nova se preparou para acceder á prestixiosa Academia de Artes Bogolybov, institución con máis de cen anos de historia e vinculada á figura do pintor ruso Bogolybov, considerado un dos artistas destacados do seu tempo.
Entre 1973 e 1977, Natalia cursou os seus estudos na academia, onde obtivo a formación como pintora e deseñadora. Posteriormente traballou durante dous anos como deseñadora, unha etapa que contribuíu a consolidar os coñecementos técnicos que hoxe forman parte da súa maneira de entender a pintura.
Desde 1999 vive e traballa en España, país no que desenvolveu unha importante parte da súa carreira artística. As súas obras forman parte actualmente de coleccións privadas en distintos países, entre eles España, Francia, Estados Unidos, Inglaterra, Bélxica e Rusia.
A súa actividade expositiva conta tamén cunha longa traxectoria. Durante aproximadamente vinte e cinco anos vén presentando a súa obra en galerías e salas do Levante español, especialmente na localidade alacantina de Torrevieja, ademais de participar en exposicións colectivas e en certames de pintura ao aire libre tanto en España como en Francia.
Nos últimos tempos, a súa presenza artística intensificouse tamén no Baixo Miño. Durante 2025 realizou varias exposicións individuais, entre elas na sala do Concello do Rosal; na Casa dos Alonso e no Espazo Cultural Escola, na Guarda, achegando a súa pintura ao público máis próximo ao territorio no que reside e traballa.
E é precisamente a paisaxe próxima unha das grandes fontes de inspiración de Natalia Golo. É habitual vela co cabalete ao aire libre, observando e trasladando ao lenzo diferentes recunchos da comarca: desde os camiños e rúas do Rosal ata as paisaxes de Tui ou A Guarda.
A súa pintura detense tanto nos elementos construídos polo ser humano como na natureza. Arquitectura tradicional, pontes, muíños, camiños, rúas, árbores, ríos, fervenzas e paisaxes mariñas forman parte dun repertorio ao que se engaden tamén flores, bodegóns e outros motivos que espertan o interese da artista.
O óleo sobre lenzo é o medio habitual co que Natalia Golo dá forma a estas impresións. Trátase dunha pintura na que, segundo sinalamos no seu día, se aprecia o coñecemento e o dominio técnico adquiridos ao longo da súa formación e experiencia profesional, así como un coidado tratamento da materia pictórica.
Asemade, queremos salientar tamén o carácter directo e persoal dunha obra na que se percibe o oficio da pintora e o seu gusto polos motivos que escolle. Unha pintura nacida moitas veces da observación directa, do contacto coa paisaxe e desa práctica tan propia da artista de traballar ao aire libre, fronte ao motivo.
A exposición de Caminha supón así unha nova oportunidade para contemplar a obra dunha creadora que, nacida en Rusia e formada nunha tradición académica de longa historia, atopou no Baixo Miño un territorio no que desenvolver boa parte da súa sensibilidade artística.
A elección de Caminha, a poucos quilómetros da súa residencia e ao outro lado dunha fronteira que a paisaxe e o río Miño fan especialmente próxima, engade ademais á mostra unha dimensión natural de encontro cultural. A pintura de Natalia Golo, que nace da contemplación de lugares concretos e das súas particularidades, atopa deste xeito un novo escenario para dialogar co público portugués.
A Galería de Arte Caminhense, na Praza do Conselheiro Silva Torres, acollerá a exposición do 18 ao 24 de setembro, permitindo descubrir unha parte da extensa produción dunha artista que leva décadas facendo da pintura unha forma de mirar e interpretar o territorio que a rodea.

Ningún comentario:
Publicar un comentario