Catoira convida a descubrir o municipio a través do galego con «As voces de Catoira», un xogo de escapismo ao aire libre para todas as familias
• A actividade, gratuíta e aberta a persoas de todas as idades, celebrarase este domingo, 20 de setembro ás 18:00 horas e combinará xogo, xeolocalización e dinamización lingüística
Infogauda/Catoira
O Concello de Catoira organiza este domingo, 20 de setembro, ás 18:00 horas, «As voces de Catoira», un xogo de escapismo gratuíto ao aire libre que propón descubrir distintos espazos do municipio a través do xogo e en lingua galega.
A actividade, aberta a familias, cuadrillas e público de todas as idades, terá como punto de encontro o espazo situado diante do Club de Piragüismo. As persoas participantes deberán colaborar en equipo para superar diferentes retos ao longo dun itinerario que, mediante a xeolocalización, percorrerá a praia fluvial, as Torres do Oeste e o CACTO, nunha experiencia cunha duración aproximada de hora e media.
«As voces de Catoira» está deseñada para xogar directamente desde o navegador do teléfono móbil, sen necesidade de descargar ningunha aplicación. A proposta combina así a descuberta do patrimonio e do territorio coa resolución de enigmas e probas, empregando o galego como lingua vehicular da aventura.
A iniciativa forma parte da programación de dinamización lingüística do Concello de Catoira, financiada pola Xunta de Galicia, e o deseño e a dinamización da actividade corren a cargo de Escapeo.
A participación é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da páxina:
escapeo.com/as-voces-de-catoira
Con esta proposta, o Concello de Catoira aposta por unha actividade participativa e innovadora que permite vivir o galego, coñecer o territorio e compartir unha experiencia de lecer en comunidade, aproveitando ademais o potencial das novas tecnoloxías.
_.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario