14 de set. de 2026

A GUARDA

O BNG da Guarda cualifica de "desastre" uns orzamentos que só estarán en vigor dous meses  

Anxo Lois Baz Vicente (BNG): “As contas do PP de Carrero son o reflexo deste goberno: chegan tarde, carecen de proxectos e ocultan información á veciñanza”  


Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG da Guarda
Foto: BNG

Infogauda/A Guarda 

 Os orzamentos son a guía económica pola que se debe rexer calquera administración durante todo un ano. Porén, a decisión do Goberno local da Guarda de presentar as contas a finais de setembro —e tendo en conta os prazos legais de exposición pública e alegacións antes da súa entrada en vigor— limitará a súa vixencia, no mellor dos casos, a apenas dous meses, afirman desde o grupo municipal do BNG da Guarda. 

 O seu portavoz municipal, Anxo Lois Baz Vicente, amosouse contundente ante esta situación: “Os orzamentos do PP de Carrero son o reflexo deste goberno: chegan tarde e carecen de proxectos. Un executivo minimamente responsábel tería que estar traballando xa nas contas de 2027 para poñer en marcha as actuacións que A Guarda precisa o próximo ano

 Para o voceiro nacionalista, esta é outra mostra máis da incapacidade do PP de Carrero e Fariñas, un goberno sen proxecto de ningún tipo que, cando debería estar pensando en aprobar  o orzamento do vindeiro ano, leva a pleno o de 2026. Estamos diante do goberno máis desastroso dos que se recordan na Guarda”, engadiu Baz. 

Falta de transparencia nos investimentos  

 O BNG tamén afeou “a falta de transparencia nas contas presentadas”. Segundo denuncia a formación, “o capítulo de investimentos inclúe partidas xenéricas que ocultan o destino real dos fondos públicos e non aclaran se eses cartos xa foron gastados”. 

 “A veciñanza da Guarda ten dereito a saber en que se invisten os seus impostos. Non merece este desprezo nin a opacidade que exerce o  alcalde e o seu equipo de goberno”, concluíu Anxo Lois Baz. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario