Campaña especial da Dirección Xeral de Tráfico
Abel Losada anuncia o reforzo dos controis de velocidade nas estradas da provincia
• A Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificará a vixilancia entre o 3 e o 9 de agosto, especialmente nas estradas convencionais
• A velocidade inadecuada está presente no 22 % dos sinistros mortais e continúa a ser un dos principais factores de risco na sinistralidade viaria
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada con membros da Garda Civil de Tráfico
Foto:Arquivo SdG
Infogauda/Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, anunciou hoxe o reforzo dos controis de velocidade que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) desenvolverá entre os días 3 e 9 de agosto nas estradas da provincia, no marco da campaña especial de vixilancia e control prevista para toda España. A Agrupación de Tráfico da Garda Civil incrementará a súa presenza, especialmente nas estradas convencionais, co obxectivo de reducir a sinistralidade e previr condutas de risco ao volante.
Abel Losada lembrou que "a velocidade inadecuada continúa a ser un dos principais factores de risco na circulación" e fixo un chamamento á responsabilidade dos condutores durante unha das semanas con maior intensidade de tráfico do verán. Segundo os datos da DXT, "a velocidade inadecuada estivo presente no 22 % dos sinistros mortais rexistrados en España en 2024", sendo o terceiro factor concorrente máis frecuente nos accidentes de tráfico. Ademais, estímase que entre o 10 % e o 15 % de todos os accidentes e arredor do 30 % dos mortais están directamente relacionados co exceso ou a velocidade inadecuada. "Respectar os límites de velocidade é unha das medidas máis eficaces para salvar vidas. Uns minutos de présa nunca compensan o risco que supón poñer en perigo a propia vida e a das demais persoas usuarias da vía", incidiu o subdelegado.
Durante a campaña, os axentes intensificarán os controis tanto en vías interurbanas como en vías urbanas, prestando especial atención aos tramos con maior risco de accidentalidade.
Na última campaña especial de control da velocidade, celebrada en abril deste ano, controláronse preto de 1,9 millóns de vehículos en todo o país e denunciáronse 98.723 condutores por superar os límites de velocidade establecidos. A DXT lembra tamén que "desde 2022 xa non está permitido superar en 20 km/h o límite de velocidade para adiantar en estradas convencionais", unha medida orientada a mellorar a seguridade viaria e reducir a gravidade dos accidentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario