Chus Pato e ML Quartet protagonizan en Tomiño un Petisco IKFEM entre viñedos, literatura e música en directo
• A Premio Nacional de Poesía 2024 e unha das formacións revelación do jazz español encabezarán o 20 de xuño unha experiencia cultural única no Centro Goianés e na adega Altos de Torona
A palabra dunha das voces máis influentes da poesía galega contemporánea e o talento dunha das bandas máis prometedoras do jazz estatal daranse cita este mes de xuño en Tomiño. O Concello será un dos escenarios dos “Petiscos IKFEM”, unha proposta impulsada polo IKFEM Festival Tui-Valença que converterá o municipio nun escenario privilexiado para a creación artística, cunha xornada que unirá literatura, música, patrimonio, viño e paisaxe a través de dúas citas protagonizadas por figuras de referencia nos seus respectivos ámbitos.
A gran protagonista da mañá será Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024 e unha das autoras galegas con maior proxección internacional. A escritora participará ás 12.00 horas nun encontro literario aberto ao público no Centro Goianés, acompañada pola tamén poeta e investigadora Oriana Méndez. O diálogo entre ambas permitirá afondar na creación poética contemporánea, na forza da palabra e no papel da literatura como ferramenta para interpretar o mundo. A actividade rematará cun recital poético acompañado de música instrumental, nun espazo cargado de simbolismo para a vida cultural de Goián e do Baixo Miño.
Xa pola tarde, a música tomará o relevo da man de ML Quartet, unha das formacións máis destacadas da nova escena jazzística española. O grupo, gañador do Concurso de Juventudes Musicales de España, ofrecerá ás 20.00 horas un concerto nos viñedos da adega Altos de Torona, nunha proposta que combina excelencia musical e contorna natural. Co seu son fresco, innovador e cheo de personalidade, ML Quartet representa a nova xeración do jazz estatal e chega a Tomiño avalado por unha traxectoria en ascenso que o sitúa entre os proxectos máis interesantes do panorama actual.
A experiencia completarase coa posibilidade de realizar unha visita guiada previa aos viñedos ás 19.00 horas e cunha cata de viños ao remate do concerto, facendo da paisaxe e da enogastronomía parte esencial da proposta. O prezo da entrada para a actividade na adega é de 20 euros e pode adquirirse en www.ikfem.com e Ataquilla.
Os “Petiscos IKFEM” nacen como un aperitivo cultural da décimo cuarta edición do IKFEM Festival Tui-Valença, que se celebrará do 16 ao 19 de xullo na Eurocidade. A iniciativa busca achegar ao público experiencias culturais singulares en espazos de gran valor patrimonial e paisaxístico, fomentando o encontro entre diferentes disciplinas artísticas e o territorio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario