A Deputación e a UNED organizan un seminario para analizar o vínculo entre Castelao, A derradeira leición do mestre e a diáspora galega en América
• Co título ‘Arte, exilio e memoria’, contará coa participación, entre outros, de Ramón Villares, Xosé Henrique Monteagudo e Ángeles Tilve
Infogauda/Pontevedra
A Deputación de Pontevedra e a UNED Pontevedra organizan o seminario ‘Arte, exilio e memoria: Castelao, A derradeira leición do mestre e a emigración galega en América’. Os días 22 e 23 de xuño, no Museo de Pontevedra, algúns dos maiores expertos na figura de Castelao e nos vínculos entre Galicia e América a través da diáspora analizarán a figura do intelectual, artista e político galeguista e do contexto do exilio na Arxentina no que creou o emblemático óleo que a partir do 25 de xuño se exhibirá no Edificio Castelao do Museo.
O seminario desenvolverase en dúas tardes e poderase seguir tanto presencialmente como en liña. A inscrición pode realizarse a través da plataforma de actividades de extensión universitaria da UNED a través da ligazón https://extension.uned.es/actividad/51649&idioma=ga. Baixo a dirección de Agar Ledo Arias e a coordinación de Rafael Cotelo Pazos, está aberto a toda a cidadanía.
A través deste seminario preténdese analizar a obra de Castelao non só como unha creación artística de gran valor simbólico, senón como un reflexo da memoria colectiva do exilio e do papel que desempeñou a diáspora galega en América na conservación da súa identidade cultural.
O seminario abrirase o luns 22 coa conferencia do catedrático de Historia contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Ramón Villares, co título “Castelao, de ‘xenial artista’ a líder político”. Nela abordará a vida, pensamento e compromiso político de Castelao e o vínculo entre a súa creación artística e o seu rol como principal figura do galeguismo. Seguirao a conferencia de Xosé Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, na que trazará unha biografía intelectual de Castelao ligada ao exilio republicano galego en América tras a Guerra Civil e a puxanza de Bos Aires e Montevideo como centros culturais do galeguismo. A primeira xornada pecharase cunha mesa de debate arredor dos contidos destas dúas conferencias.
A xornada do martes 23 de xuño vaina abrir José María Leal Bóveda, doutor pola USC, coa conferencia “De Galicia a América: emigración, asociacionismo e cultura na diáspora”, na que afondará na vida das comunidades galegas en América e o papel dos centros galegos. A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, intervirá a continuación para realizar unha análise iconográfica, artística e simbólica do cadro A derradeira leición do mestre e a representación do fusilamento de Alexandre Bóveda.
O seminario pecharase cunha mesa redonda sobre Castelao, a diáspora galega, a memoria cultural e a construción da identidade na Galicia exterior. Estará moderada por Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao, e nela participarán Alberto Vázquez López e Cristian Moares, da xunta directiva do Centro Galicia de Buenos Aires, e o politólogo Víctor Manuel Vázquez Portomeñe.
Este seminario forma parte da exposición “Castelao. A derradeira leición do mestre”, que se inaugurará o 25 de xuño e na que se exhibirá, ata o 27 de setembro, o icónico lenzo de Castelao pintou en Bos Aires en 1945. A mostra exporá este cadro xunto ao debuxo do álbum Galicia mártir no que se baseou e outros elementos da colección do Museo que lle dan o contexto adecuado para a súa interpretación.

Ningún comentario:
Publicar un comentario