Os curros de Oia despídense esta primavera coa cita do domingo en Mougás
Infogauda/Oia
A Serra da Groba volverá ser escenario este domingo dunha das súas tradicións máis emblemáticas coa celebración do curro de Mougás, terceira e última cita da tempada de primavera dos curros de Oia. A xornada reunirá cerca de 500 bestas e arredor dun centenar de poldros nunha das manifestacións culturais e etnográficas máis singulares deste territorio.
Como vén sendo habitual, a actividade comezará desde primeira hora da mañá. A partir das 9.00 horas iniciarase a xuntanza dos cabalos no monte para conducilos ata o recinto do curro, onde está prevista a súa chegada arredor das 12.00 horas.
O momento máis esperado da xornada terá lugar pola tarde, desde as 17.00 horas, co desenvolvemento das tradicionais tarefas de rapa, desparasitado e marcaxe, labores fundamentais para o manexo sanitario e a identificación dos animais. Unha vez rematadas estas actuacións, os cabalos volverán quedar libres no monte, perpetuando unha tradición que forma parte da identidade da Serra da Groba desde hai xeracións.
A cita será gratuíta para o público asistente e desenvolverase no ambiente festivo e familiar que caracteriza os curros de Oia. Ademais, este ano O Concello de Oia colocará baños a disposición do público. Para facilitar o acceso, recoméndase chegar a través da estrada EP-2202, que comunica Baiona e O Rosal, atopándose o desvío ao curro que se atopa sinalizado a aproximadamente 6,5 quilómetros de Baiona.
Oportunidade para vivir a tradición desde dentro
Coincidindo coa celebración, a iniciativa “No Corazón dos Curros” realizará tamén a súa última parada da tempada. Este programa, impulsado por Amodo Turismo baixo a marca Saberes do Monte, coa colaboración do Concello de Oia e das asociacións organizadoras dos curros, ofrece actividades pensadas para descubrir os valores culturais, históricos e patrimoniais desta tradición.
A programación inclúe unha visita guiada ás 11.00 horas, para a que é necesaria inscrición previa no teléfono ou WhatsApp 677 78 32 96. A actividade ten un prezo de 12 euros para persoas adultas e conta con tarifas reducidas para público infantil.
Xa pola tarde, entre as 15.00 e as 17.00 horas, desenvolveranse varios obradoiros gratuítos e abertos a persoas de todas as idades ata completar existencias. As propostas permitirán achegarse ao patrimonio dos curros mediante actividades como o calco de petróglifos con representacións de cabalos utilizando a técnica do fretar, a elaboración de calcomanías coas marcas tradicionais das burras do monte ou a elaboración de tinta natural coa que practicar a escritura da palabra “curro” do mesmo xeito que aparece nos documentos históricos conservados.
Tras o éxito das actividades celebradas na Valga e en Torroña, esta última cita permitirá despedir unha edición que apostou por achegar a tradición dos curros ao público desde unha perspectiva participativa, divulgativa e de educación patrimonial.
Despois dos curros da Valga, Torroña e Mougás, as citas cabalares volverán a Oia en pleno verán, cos coñecidos como “curros das moscas” tanto na Valga como en Torroña e Mougás.
Chamamento ao respecto da contorna
Con motivo da celebración dos curros, lémbrase que non está permitida a acampada na zona. As autoridades realizarán labores de vixilancia nos días previos e durante a celebración para evitar actividades non autorizadas.
Así mesmo, solicítase a colaboración das persoas asistentes para respectar o medio natural, evitar danos no arborado e nas zonas máis sensibles e facer uso dos contedores habilitados, contribuíndo a conservar en boas condicións unha contorna de grande valor ambiental e paisaxístico.

Ningún comentario:
Publicar un comentario