O Grúfalo sae do bosque para conquistar á cativada do Rosal nun novo Venres Rebuldeiro
• Contos, diversión e educación ambiental coa actriz e narradora oral Manuela Varela este 12 de xuño ás 18 h na biblioteca municipal
Infogauda/O Rosal
A imaxinación volverá encher de aventuras a Biblioteca Municipal do Rosal nunha nova cita coa narración oral para toda a familia. O Concello organiza este 12 de xuño ás 18.00 horas unha nova sesión de balde dos xa consolidados Venres Rebuldeiros, un ciclo pensado para achegar a lectura e a literatura á rapazada dun xeito vivo, dinámico e participativo, convertendo cada conto nunha experiencia para sentir, compartir e descubrir.
Nesta ocasión será a recoñecida actriz e narradora oral Manuela Varela a encargada de conducir a actividade co espectáculo ‘O Grúfalo e a natureza’, unha proposta chea de humor, emoción e aprendizaxes arredor do medio natural.
A través da historia dun pequeno rato que percorre o bosque e consegue escapar dos perigos grazas á súa intelixencia e á invención dunha misteriosa criatura chamada Grúfalo, a sesión convidará ás nenas e nenos a mergullarse nun relato que combina aventura, creatividade e respecto pola natureza. Pero, que acontece cando esa criatura inventada resulta ser real? A resposta descubrirase durante unha actividade que promete sorprender ao público infantil e ás súas familias.
Licenciada en Interpretación e cunha ampla traxectoria sobre os escenarios e na narración oral, Manuela Varela é unha das voces máis recoñecidas deste ámbito en Galicia, cun estilo próximo, dinámico e capaz de conectar con públicos de todas as idades.
Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “os Venres Rebuldeiros son unha das iniciativas culturais máis queridas polas familias do municipio porque conseguen achegar a lectura dunha forma divertida, participativa e atractiva para a rapazada. Cada sesión é unha oportunidade para descubrir historias, fomentar a imaxinación e compartir tempo de calidade en familia”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario