A ollada máis sincera sobre o comercio do Rosal chega da man da rapazada
• O alumnado de ‘Proxecto competencial’ de 3º de Primaria do CPI Manuel Suárez Marquier levou a cabo o proxecto audiovisual ‘Unha conversa sobre o comercio local’, unha investigación sobre os hábitos de consumo e o futuro do comercio de proximidade
Foto: COR
Infogauda/O Rosal
As preguntas máis importantes ás veces nacen da curiosidade de quen observa o mundo con ollos novos. O Concello do Rosal recibiu esta semana a visita do alumnado de 3º de Primaria da materia de Proxecto Competencial, que presentou á alcaldesa e edís o seu proxecto audiovisual ‘Unha conversa sobre o comercio local’, un traballo de investigación co que quixeron coñecer como afectan as compras por internet aos establecementos de proximidade do municipio.
Durante tres meses, os nenos e nenas analizaron a evolución dos hábitos de consumo partindo dunha reflexión inicial sobre o peso cada vez maior das compras en liña. "Na nosa casa compramos moito polas aplicacións?" foi unha das preguntas que deu pé a un proceso de investigación que os levou a afondar na realidade comercial do Rosal.
Nunha primeira fase, o alumnado realizou unha análise das tendas existentes no municipio a través de ferramentas como Google Maps. Co obxectivo de obter unha visión máis real da situación, decidiron saír ás rúas para entrevistar tanto a comerciantes como á veciñanza. A través destas conversas puideron coñecer onde mercan habitualmente os rosaleiros e rosaleiras, que valoran do comercio local e que necesidades detectan na oferta comercial do municipio.
As conclusións ás que chegaron foron alentadoras: aínda que unha parte importante da poboación realiza compras por internet, a maioría segue apostando polas tendas do Rosal para as súas compras habituais, recorrendo ao comercio electrónico principalmente para adquirir produtos que non atopan no municipio.
O proxecto serviu tamén para recoller propostas e ideas sobre novos negocios que a veciñanza considera necesarios no Rosal. Entre as suxestións máis repetidas apareceron servizos como unha tenda de xoguetes ou máis oferta de roupa infantil.
Todo este traballo cristalizou nun vídeo divulgativo elaborado polo propio alumnado, co obxectivo de poñer en valor o comercio de proximidade, sensibilizar sobre a súa importancia e abrir un espazo de reflexión sobre os hábitos de consumo actuais.
Desde o Concello quérese felicitar ao alumnado e ao profesorado implicado por unha iniciativa que demostra o compromiso das novas xeracións coa súa contorna e coa realidade do municipio. Proxectos como este contribúen a fomentar o espírito crítico, a participación cidadá e a importancia de apoiar un comercio local que é clave para manter vivos os nosos pobos.
Coa súa curiosidade, capacidade de análise e ganas de comprender o mundo que os rodea, os nenos e nenas do Rosal deixan unha mensaxe clara: o futuro do comercio local tamén pasa por escoitar ás novas xeracións.

Ningún comentario:
Publicar un comentario