Xunta Local de Seguridade
Abel Losada destaca a coordinación entre administracións e forzas de seguridade para afrontar o verán en Baiona
• O subdelegado do Goberno copresidiu a Xunta Local de Seguridade xunto ao alcalde, Jesús Vázquez Almuiña
• O dispositivo estival abordará o incremento de visitantes, as festas patronais e os principais eventos deportivos previstos nos vindeiros meses
Infogauda/Baiona
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, copresidiu hoxe xunto ao alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, a Xunta Local de Seguridade do municipio, unha reunión na que se analizaron os principais retos en materia de seguridade cidadá de cara á tempada estival.
No encontro participaron representantes da Garda Civil, tanto de Seguridade Cidadá como do Subsector de Tráfico, así como da Policía Local de Baiona.
A reunión serviu para revisar o dispositivo de seguridade previsto para os próximos meses, coincidindo co incremento da poboación e da actividade turística que experimenta o concello durante o verán. A reunión prestou especial atención aos dispositivos de seguridade previstos para os grandes eventos do verán, entre os que destacan as Festas do Carme, a Romaría da Virxe da Rocha e as festas patronais de Santa Cristina de Sabarís, tres das celebracións con maior capacidade de convocatoria do municipio, ademais das distintas probas deportivas que se desenvolverán durante a tempada estival.
Abel Losada destacou a importancia da coordinación entre todas as administracións e corpos de seguridade para dar resposta ao aumento da demanda asistencial e de seguridade que acompaña á chegada de milleiros de visitantes durante a época estival. O subdelegado subliñou que “a colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local é máxima e permite afrontar con garantías os desafíos que presenta un municipio cunha importante actividade turística como Baiona”.
Durante a Xunta Local de Seguridade tamén se analizaron os datos de criminalidade do municipio, que se manteñen por debaixo da media provincial en materia de infraccións penais. Así mesmo, abordáronse os indicadores relacionados coa violencia de xénero, que tamén presentan rexistros inferiores aos da media da provincia.
No eido da seguridade viaria, os datos presentados durante a reunión reflicten unha baixa sinistralidade no municipio, con tan só tres persoas feridas leves rexistradas no último ano. Este balance positivo reforza a necesidade de continuar coas actuacións preventivas e coa coordinación entre os distintos corpos de seguridade durante a tempada estival.
O subdelegado do Goberno agradeceu a colaboración do Concello de Baiona e puxo en valor o traballo coordinado das forzas e corpos de seguridade para seguir garantindo que o municipio continúe sendo un destino seguro tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario