Unhas 400 persoas arrouparon no Rosal a estrea do documental de ‘De avoas a netas’
• A praza do Calvario ateigouse de público para descubrir esta peza audiovisual do proxecto interxeracional impulsado por voluntariado rosaleiro que recupera as vivencias e o legado das xeracións maiores
Arredor de 400 persoas asistiron á estrea de De avoas a netas, o documental nacido dun proxecto de voluntariado interxeracional impulsado por 15 mozas e mozos rosaleiros e o Concello
Fotos:Luis Dorado Senra
Infogauda/O Rosal
A memoria do Rosal fixo vibrar a praza do Calvario nunha tarde cargada de emoción, orgullo colectivo e recoñecemento ás xeracións que construíron o municipio. Arredor de 400 persoas asistiron á estrea de De avoas a netas, o documental nacido dun proxecto de voluntariado interxeracional impulsado por 15 mozas e mozos rosaleiros e o Concello, unha iniciativa que pon voz ás vivencias de mulleres e homes maiores da vila para preservar e poñer en valor o patrimonio cultural, etnográfico e inmaterial do Rosal a través da memoria oral.
A peza audiovisual recolle meses de investigación, encontros e entrevistas que permitiron reconstruír a vida no Rosal durante as décadas centrais do século XX a través dunha narración coral na que se abordan cuestións como o traballo, a escola, a economía, os coidados, a cultura popular ou os costumes do territorio. Máis de vinte entrevistas en profundidade, combinadas coa consulta de arquivos históricos e bibliografía especializada, deron forma a un traballo que busca abrir unha xanela ao pasado e preservar o patrimonio do municipio.
Durante a presentación, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou a enorme dimensión humana dun proxecto que “fala da importancia de escoitar, de coidar a memoria e de entender que a historia dun pobo tamén vive nas conversas cotiás e nas experiencias da súa xente”. A rexedora subliñou ademais que “cando esquecemos de onde vimos, tamén empezamos a perder quen somos. Este documental é unha homenaxe ás persoas maiores do Rosal e tamén unha mostra de que hai futuro cando a mocidade se implica en construír memoria colectiva con respecto, orgullo e sensibilidade”.
Ao longo do documental aparecen relatos sobre a dureza da vida, sobre os traballos tradicionais, sobre o papel das mulleres, os coidados ou elementos tan propios da identidade rosaleira como o pisco, os muíños ou o argazo. Historias que sucederon nos mesmos lugares polos que a veciñanza continúa pasando cada día e que agora quedan recollidas para as xeracións futuras.
A alcaldesa quixo agradecer especialmente “a xenerosidade das avoas e avós que abriron as portas das súas casas e compartiron as súas palabras, os seus silencios e tamén as súas emocións”. Fernández Callís tamén agradeceu e puxo en valor “o compromiso da mocidade participante, que demostrou unha enorme capacidade para escoitar e construír comunidade a través da memoria”. A rexedora deu as grazas tamén á Universidade de Santiago de Compostela, encargada da asistencia técnica do proxecto no que participaron 3 historiadoras voluntarias rosaleiras e que pasará a formar parte do arquivo histórico de investigación sobre memoria colectiva en Galicia.
Xunto ao documental, durante estes días pode visitarse tamén na praza do Calvario a exposición De avoas a netas, unha mostra que recolle o traballo de investigación histórica realizado ao longo do proxecto arredor da memoria colectiva do Rosal. Unha ampliación dos contidos do documental a través de fotografías, planos, documentos históricos, recortes de prensa e materiais recollidos durante o proceso de investigación e que achegan de xeito explícito as vivencias da infancia, mocidade e madurez das avoas e avós rosaleiros.
A exposición propón un percorrido pola historia recente do Rosal, desde a escola ata os oficios tradicionais, pasando pola vida familiar, os costumes ou o traballo no rural. Tamén inclúe imaxes do propio desenvolvemento do proxecto e do proceso vivido pola mocidade participante.
“Esta mostra é unha invitación a parar, mirar e recoñecernos no pasado para entender mellor quen somos hoxe. Conservar a memoria non é mirar atrás con nostalxia, senón avanzar con máis conciencia, máis identidade e máis orgullo de pobo”, concluíu a alcaldesa.
O proxecto foi cofinanciado con fondos europeos NextGenerationEU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 a través da través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario