6 de maio de 2026

O ROSAL

O Rosal abre fiestras reais ao mundo profesional á súa mocidade   

O Concello celebrou unha nova sesión dos seus Encontros con Profesionais para orientar ao alumnado de 4º da ESO e visibilizar que as profesións non entenden de xénero  


Durante a xornada, o estudantado afondou nas traxectorias das persoas convidadas
Foto: C.O.R.

Infogauda/O Rosal 

 O futuro comeza a tomar forma cando alguén conta a súa historia en primeira persoa. O Rosal volveu converter as aulas nun espazo de inspiración cunha nova sesión dos seus Encontros con Profesionais, unha iniciativa dirixida ao alumnado de 4º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier para axudarlles a explorar o seu camiño académico. 

 Con esta actividade posta en marcha no 2026, o Concello ofrece á mocidade coñecer de primeira man experiencias reais, afastadas de estereotipos e cheas de aprendizaxes. Nesta ocasión, a rapazada puido dialogar con Lidia Martínez, Cristina Fariña, Magdalena González, José Vicente e Esteban Diego, cinco perfís profesionais que amosan que as vocacións non entenden de xénero nin de límites. 

 Durante a xornada, o estudantado afondou nas traxectorias das persoas convidadas. Historias como a de Lidia Martínez, antiga alumna do centro e hoxe patroa de altura, piloto da mariña mercante e capitá de pesca, puxeron enriba da mesa a realidade de sectores tradicionalmente masculinizados nos que as mulleres tamén están a abrir camiño. Ao longo da súa carreira, Lidia traballou en distintos buques de pesca e transporte marítimo, chegando a ser a única muller a bordo nun barco nas Malvinas, o que supuxo un reto profesional e persoal que marcou a súa traxectoria. Na actualidade impulsa un proxecto propio centrado na valorización do produto do mar, apostando pola pesca artesanal, sostible e de proximidade. A súa historia é un exemplo de liderado e apertura de camiños para as novas xeracións de mulleres no sector marítimo. 

 Pola súa banda, Cristina Fariña e Magdalena González compartiron a súa experiencia no ámbito da enxeñaría e a industria. Cristina é enxeñeira química especializada en calidade, seguridade e medio ambiente e desenvolve a súa actividade profesional en IKF España, na Guarda, onde ocupa un posto de responsabilidade na xestión destas áreas clave dentro da industria. Ademais da súa carreira profesional, é nai de familia numerosa, polo que achega unha visión moi real sobre a conciliación da vida laboral e familiar. Pola súa banda, Magdalena é directora de planta en IKF España e conta cun perfil que combina coñecementos técnicos con capacidade de liderado e xestión, converténdoa nun referente dentro do sector industrial da comarca. A súa experiencia amosa as posibilidades de desenvolvemento profesional no ámbito técnico e industrial. 

 Pola súa banda, José Vicente achegou a súa visión como docente de educación infantil dende hai 25 anos, rompendo tamén cos roles de xénero. Formouse en Maxisterio en Pontevedra e tras iniciar a súa carreira en Goián, pasou polo CRA Mestre Manuel Garcés de Tomiño e, desde 2003, forma parte do equipo docente do CEIP A Sangriña, na Guarda. Pai de tres fillas, coñece de primeira man o reto da conciliación familiar. Destaca polo seu compromiso co ensino, pola súa vocación e polo vínculo que crea co alumnado e as familias. A súa presenza tamén axuda a visibilizar a importancia dos homes en etapas educativas tradicionalmente feminizadas. 

 Por último, Esteban Diego exemplificou no ámbito profesional hai moitos camiños e como ese percorrido pode evolucionar e reinventarse co paso do tempo. Este rosaleiro formouse en soldadura e caldeiraría, iniciando a súa carreira profesional no sector do metal, onde foi adquirindo experiencia e especialización técnica ao longo dos anos. Durante unha etapa nos Estados Unidos descubriu o seu interese pola formación e a transmisión de coñecementos, o que o levou a orientarse tamén cara á docencia. Na actualidade está habilitado para formar a novos profesionais, combinando a súa experiencia práctica co ensino.  

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, lembrou como estes Encontros Profesionais son unha ferramenta de acompañamento á mocidade de gran valor, especialmente nun momento tan esencial das súas vidas. “Non se trata de dicirlles que camiño deben seguir, senón de ofrecerlles referencias reais para que poidan construír o seu propio. Escoitar historias de vida como estas abre horizontes e axuda a tomar decisións con máis confianza e criterio”, recalcou. 

 Pola súa banda, a concelleira de Igualdade do Rosal, Beatriz Rodríguez, que participou no encontro, puxo en valor o impacto destas sesións na mocidade: “Cando a rapazada escoita vidas reais, con esforzo, dúbidas e tamén logros, entenden que non hai un único camiño posible. Estes encontros rompen ideas preconcibidas e axudan a que cada rapaz e rapaza se vexa capaz de chegar onde queira, sen limitacións impostas polo xénero ou polo entorno”. 

 O Concello aposta así por seguir tendendo pontes entre o mundo educativo e o profesional, fomentando a igualdade de oportunidades e poñendo en valor a diversidade de camiños posibles. Uns encontros que non só informan, senón que tamén inspiran, espertando inquedanzas e demostrando que detrás de cada profesión hai unha historia que pode cambiar o rumbo doutra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario