A presión da CIG reactiva a mesa de traballo sobre o protocolo contra a violencia no SAF
• A central advirte de que o preacordo acadado o martes ten que vir acompañado dun compromiso da patronal para negociar o convenio
Infogauda/Galiza
A presión da CIG, con mobilizacións e reclamacións constantes, foi quen de reactivar a mesa de traballo sobre o protocolo contra a violencia no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a nivel galego. Con todo, a central sindical lamenta o atraso no proceso, tendo en canto que transcorreu xa case un ano do asasinato da traballadora do SAF do Concello do Porriño, ao tempo que advirte de que o preacordo acadado o martes ten que vir acompañado dun compromiso por parte da patronal de negociar o convenio colectivo, así como das mudanzas normativas e os recursos necesarios por parte da Xunta de Galiza para que o documento “non quede en papel mollado”.
Tras a concentración convocada pola CIG o pasado 28 de abril, Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, na que numerosas persoas traballadoras do SAF desenvolveron unha concentración diante do Concello do Porriño para esixir medidas reais de protección da súa saúde e seguridade, a FEGAMP convocou novamente a mesa de traballo para reactivar a negociación do protocolo de prevención e actuación ante situacións de violencia laboral no sector. Dende a central sindical lembran que esta mobilización tiña como obxectivo denunciar a falta de respostas efectivas por parte da Xunta, dos Concellos e das empresas concesionarias, e reclamar “que se deixen atrás as promesas baleiras” para poñer en marcha, dunha vez, medidas eficaces que garantan a integridade física e psicolóxica do persoal do SAF.
O martes, 19 de maio tivo lugar a unha nova reunión de negociación deste protocolo, na que participaron representantes das entidades locais, do ISSGA, da Consellaría de Política Social, das organizacións sindicais, do Colexio Oficial de Traballo Social e da patronal do sector en Galiza. Logo de nove meses de traballo e negociación, acadouse un preacordo sobre un protocolo de referencia para o sector. Porén, a proposta da CIG, este documento irá acompañado dun compromiso de todas as partes para garantir recursos suficientes e mudanzas normativas que blinden as garantías acordadas.
A central sindical alerta de que, coa actual política da Xunta, baseada na privatización, na precarización do servizo e na anulación ou limitación de medidas acordadas nos Concellos, o protocolo “corre o risco de ficar en papel mollado”.
Blindar dereitos e evitar consecuencias para o persoal
Neste sentido, alén do propio protocolo, todas as entidades participantes asumirán un compromiso complementario que recolla as propostas defendidas pola CIG durante a negociación. No caso dos Concellos, deberán incorporarse garantías nos pregos de contratación, reforzarse os recursos dos servizos sociais, realizar un seguimento activo do cumprimento normativo, garantir a coordinación das actividades preventivas e avanzar cara a un servizo público de atención aos coidados.
As asociacións empresariais prestadoras do servizo deberán comprometerse a activar de inmediato a mesa de negociación do convenio colectivo para facer viábel o cumprimento do protocolo e introducir todas as medidas necesarias para garantir os dereitos das persoas traballadoras. Pola súa banda, as organizacións sindicais tamén asumirán o compromiso de impulsar esa negociación colectiva co obxectivo de blindar no convenio as garantías derivadas do protocolo e impedir que a aplicación das medidas de protección recaia sobre as traballadoras.
Por un novo modelo público de atención aos coidados
Para a CIG, este acordo debe ser un primeiro paso para mudar de raíz un modelo que ten demostrado o seu fracaso. “O SAF é un servizo esencial que non pode seguir sosténdose sobre a precariedade laboral, a falta de prevención e a desprotección das traballadoras”, sosteñen.
Todas as entidades participantes comparten a necesidade de trasladarlle á Xunta a urxencia de acometer as mudanzas normativas precisas para harmonizar os dereitos das persoas usuarias cos dereitos das persoas traballadoras, garantindo sempre que a organización do servizo respecte a seguridade, a saúde laboral e a dignidade profesional de quen presta os coidados. “Non abondan as declaracións nin os documentos se logo non se poñen medios, non se asumen responsabilidades e non se blindan dereitos. As traballadoras do SAF teñen dereito a volver vivas e sas do seu posto de traballo”, inciden dende a CIG.
Finalmente, dende a central anuncian a súa intención de levar a cabo un acto en lembranza da compañeira do SAF do Porriño asasinada no seu posto de traballo en xullo do ano pasado coincidindo co primeiro aniversario dun suceso que evidenciou a falta de protección e seguridade que padecen as persoas traballadoras do sector.

Ningún comentario:
Publicar un comentario