O DÚO CÓMICO MOFA & BEFA RECUPERAN A CASTELAO COA SÚA PERSOAL PROPOSTA DE “OS DOUS DE SEMPRE”
• Este venres, 29 de maio ás 21:00 horas no Centro Cultural de A Guarda, con entrada de balde ate completar a cabida
Infogauda/A Guarda
O Centro Cultural de A Guarda acollerá este venres, 29 de maio, ás 21:00 horas, a representación de Mofa & Befa “Os Dous de Sempre”, o novo espectáculo da compañía Producións Teatrais Excéntricas con dirección de Quico Cadaval.
O espectáculo supón o encontro de dúas das figuras máis queridas do humor galego, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, xunto con Josito Porto, para dar vida ás icónicas personaxes de Castelao: Pedriño e Rañolas, Os Dous de Sempre. Dúas figuras antagónicas e complementarias —o soñador idealista e o prudente materialista— que Castelao concibiu como dúas metades dun mesmo corpo.
Producións Teatrais Excéntricas consolidou nos últimos anos un percorrido singular adaptando para o teatro grandes figuras da literatura galega —con máis de 120 funcións polas catro provincias—, e parando con algunhas delas pola nosa contorna como foi o caso de “O Porco de Pé” de Vicente Risco. Agora mergúllanse no universo humorístico de Castelao para explorar a fonda tradición cómica galega e para render tributo ao ilustre escritor, ilustrador e pensador galego.
A obra, con dramaturxia de Carme Varela e Quico Cadaval, foi estrea o pasado outubro de 2025 no Auditorio Municipal de Rianxo e percorreu desde entón a xeografía galega cunha longa xira que incluiu prazas como Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela ou A Coruña, sendo A Guarda unha das últimas datas confirmadas desta tempada.
Esta actividade ven financiada dentro da Liña 2 do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra
FICHA ARTÍSTICA
Título: Mofa & Befa: Os Dous de Sempre, inspirada na obra de Castelao
Elenco: Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto
Dramaturxia: Carme Varela e Quico Cadaval
Dirección: Quico Cadaval
Espazo escénico e lumínico: Baltasar Patiño
Dirección musical: Bernardo Martínez

Ningún comentario:
Publicar un comentario