6 de abr. de 2026

GALIZA

O sector servizos acaparou 8 de cada 10 empregos creados en Galiza no mes de marzo 

•  O 40% das novas altas na Seguridade Social rexistradas neste período formalizáronse xa mediante contratos fixos descontinuos


Foto: CIG
 

Infogauda / Galiza 

 O mundo do traballo galego continúa - segundo afirman dende a CIG - a dar sinais de alarma, cunha dependencia cada vez maior do sector servizos, até o punto de que 8 de cada 10 novos contratos subscritos no mes de marzo foron neste sector. A crecente precariedade laboral evidénciase tamén no feito de que o 40% das novas altas rexistradas neste período formalizáronse mediante contratos fixos descontinuos. 

 Segundo os datos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), Galiza rematou o mes de marzo con 114.670 persoas rexistradas como desempregadas, un 1,2% menos que en febreiro. Un descenso relacionado tradicionalmente co inicio da Semana Santa, xa que foi no sector servizos e nas provincias máis turísticas onde se rexistraron os maiores descensos de paro.  

 Unha vez máis o desemprego segue a ter rostro de muller, xa que o 58% das persoas inscritas como desempregadas son mulleres. E cébase tamén coas persoas de maior idade, tendo en contra de que o 61% das persoas rexistradas como paradas teñen máis de 45 anos. 

 A afiliación á Seguridade social aumentou en 7.645 persoas, o que supón un incremento do 0,7% con respecto aos mes de febreiro. En todos os tipos de contratos e xornadas aumentou o número de persoas en alta laboral, mais a maior medra produciuse nos contratos fixos descontinuos, cun incremento do 9,1% respecto ao mes de febreiro. De feito, o 40% das novas altas formalizáronse baixo esta modalidade. 

 Tamén salienta o aumento dos contratos temporais a tempo completo, que medraron un 1,3 % en relación ao mes anterior, así como a categoría dos denominados “outros”, na que probablemente estea a influír o proceso de estabilización que están a levar a cabo as distintas administracións. 

Fracaso do modelo económico 

 A CIG denuncia o “falso optimismo” dos Gobernos español e galego a respecto dos datos do paro agocha o “fracaso” dun modelo económico e produtivo que no actual contexto de guerra non vai garantir condicións dignas para a clase traballadora ante a imparábel carestía da vida. “O aumento dos prezos e os baixos salarios derivados da precariedade laboral van disparar o número de persoas traballadoras pobres e van impedir que poidan cubrir as súas necesidades básicas”, tal e como sinala o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria.  

 Neste senso, Paco Sío incide no feito de que o 40% nas novas altas na Seguridade Social xa foron baixo o modalidade de contratación fixa descontinua e que as ramas de actividade que máis emprego crean sexan as relacionadas coa hostalaría e coas actividades sanitarias e de servizos sociais.  

 “A redución do emprego é unha tendencia común no conxunto de Europa, coa diferenza de que no Estado español os postos de traballo que se crean están vinculados ao turismo e polo tanto son de peor calidade; a incapacidade para transformar o modelo económico colócanos en peor situación á hora de facerlle fronte a calquera cambio, o que se traduce nun aumento das persoas traballadoras pobres e nunha sociedade cada vez máis desigual”, remata Sío.

Ningún comentario:

Publicar un comentario