FÚTBOL
Primeira Galicia 1ª FUTGAL - GRUPO 6
O SPORTING GUARDÉS RECIBIRÁ AO JUVENIL DE PONTEAREAS
• Este domingo, 19 de abril, ás 17:00 horas, no Campo municipal A Sangriña
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Este domingo, 19 de abril, ás 17:00 horas, no Campo municipal A Sangriña dará comezo o encontro de fútbol entre o Sporting Guardés e o Juvenil de Ponteareas, correspondente a xornada 30ª.
A priori, o partido preséntase con moito aliciente, toda vez que o conxunto local, situado no 4º posto da táboa clasificatoria, con 55 puntos no seu haber, procurará que os puntos en xogo queden na Guarda. Pola súa banda, o equipo visitante, situado no 2º chanzo da táboa, con 67 puntos, non pode permitirse irse de baleiro para as terras do Condado, pois o seu inmediato seguidor, o Gondomar C.F., con 65 puntos é tamén un firme candidato ao ascenso de categoría.
Polo que respecta ao Sporting Guardés, que na xornada 28 cedeu un punto (1-1) no seu feudo, fronte ao Rápido de Bouzas, e na xornada 29, perdeu (1-0) en Fornelos da Ribeira (Salvaterra de Miño), fronte ao C.F. Progresista, non se xoga moito, dado que se atopa nunha posición tranquila, o cal non debera eximir ao cadro de persoal de A Guarda de traballar a prol da vitoria. Outra cousa será acadala, mais en todo caso hai que sair dos vestiarios coa mentalidade de gañar.
Todo iso son ingredientes para que ambos os dous equipos ofrezan aos seus respectivos seareiros un encontro animado.

Ningún comentario:
Publicar un comentario