A Deputación reivindica as traxectorias artísticas de Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas na exposición ‘Arte en parella’ que acollerá desde este xoves o Museo de Pontevedra
A mostra, que celebra o centenario do nacemento da pintora pontevedresa, inaugúrase mañá xoves ás 19:00 h e poderase visitar no Edificio Castelao ata o 28 de xuño
Infogauda / Pontevedra
A Deputación vai inaugurar este xoves 30 de abril ás 19:00 h no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a exposición ‘Arte parella. Mercedes Ruibal-Agustín Pérez Bellas’. A mostra propón por primeira vez un diálogo crítico e creativo entre a obra dos dous artistas, con máis de cen obras de ambos expostas, e busca recoñecer o papel central de Mercedes Ruibal na arte galega do último terzo do século XX e aspectos poucos coñecidos da intensa creatividade de Agustín Pérez Bellas. O vicepresidente provincial Rafa Domínguez foi o encargado de presentar a mostra xunto coa comisaria Cristina Villaverde Ruibal, ilustradora licenciada en Historia da Arte, e a directora do Museo, Ángeles Tilve, salientando que “delicias como esta hai que compartilas para que todo o mundo poida gozar desta exposición, que é unha marabilla”.
‘Arte en parella’ fai un percorrido antolóxico polas máis significativas obras dos dous artistas, cubrindo as distintas etapas creativas de ambos. A traxectoria destes pintores quedou marcada pola súa intensa relación matrimonial á vez que mantiveron unha clara autonomía plástica que lles permitiu, desde mediados da década de 1950, desenvolver liñas artísticas dispares. Neste eido, a directora do Museo, Ángeles Tilve, puxo o acento en que por primeira vez o Museo lle dedica unha exposición á pontevedresa Mercedes Ruibal, “unha das mulleres que a finais dos anos 50 vai propiciar a renovación plástica galega”, e ao diálogo coa obra do seu marido, Agustín Pérez Bellas.
A mostra reúne máis de cen obras entre os dous artistas que certifican o seu papel central dentro da pintura galega do século XX, e mesmo a repercusión que acadaron tanto en Galicia e o resto do estado así como, puntualmente, en Francia e Italia. Composta por 58 pezas de Ruibal, entre óleos, debuxos e acrílicos, e 57 de Pérez Bellas, a maioría delas tintas, complétase con outros materiais que aportan contexto: álbums, carteis, “academias”, debuxos soltos, fotografías e prospectos das súas mostras por diferentes galerías españolas e estranxeiras.
Tamén se expoñen libros con dedicatorias manuscritas de diversos intelectuais, políticos e artistas que trataron, sinais do seu activismo político, deseños gráficos, discografía e exemplos da obra literaria que en vida editaron tanto Agustín como Mercedes. Está presente na mostra a relación intensa que mantiveron con outros creadores como Laxeiro, que os retratou, e co poeta Rafael Alberti, de quen, na súa faceta de pintor, tamén se amosan obras a eles dedicadas. A montaxe do Museo de Pontevedra recupera dúas entrevistas individuais realizadas para programas de televisión emitidos en 1971 e 1989.
Grazas ao traballo de documentación de Cristina Villaverde, datos biográficos sobre Mercedes Ruibal ata agora errados que asentaran sobre a pintora nada en Xeve e restaura aspectos persoais e da súa obra pouco coñecidos, tanto dos que se refiren aos seus anos na Arxentina, como dos referidos a súas estancias en Madrid e Roma. Os aspectos sociais e políticos que tantas veces activaron a súa pintura dos anos 60 e 70 merecen un especial recoñecemento e figuran na mostra por medio dunha serie de obras, pouco coñecidas, que permanecían en distintas coleccións particulares e ás que se suman algunhas das que foron realizadas con clara vocación mural.
Mercedes Ruibal
Mercedes Ruibal naceu en Pontevedra en 1926. Durante as últimas décadas do século pasado consolidouse como unha referencia central da pintura galega. Con formación artística na Arxentina ao lado do pintor Laxeiro, desde mediados dos 50 comeza a mostrar, xa con voz propia, a súa obra en Galicia. En anos posteriores concreta o seu prestixio a nivel estatal e internacional desde unha aposta plástica que incide tanto nunha particular visión da muller como nun activo compromiso ante as inxustizas bélicas e políticas que trasladara con valentía a súa obra. Logrou que a súa figura sempre estivera presente en relevantes espazos artísticos e de opinión, superando a invisibilización que sufriron tantas outras pintoras. Casou co arquitecto e pintor Agustín Pérez Bellas en 1958. Faleceu en Madrid en 2003.
Agustín Pérez Bellas
Agustín Pérez Bellas, nacido en Vigo en 1927, demostrou durante a súa formación como arquitecto unha enorme e natural capacidade para o debuxo. En viaxes de estudos por Europa descubriu as apostas máis vangardistas da pintura mundial dos anos 50 e 60. Nestas décadas comezou a expoñer individualmente en prestixiosas galerías amosando nelas un patrón compositivo dominado sempre pola súa gran enerxía como debuxante. A vitalidade das súas tintas, sempre con presenza humana, foi admirada tanto entre os pintores da súa xeración como, especialmente, polos artistas galegos da década dos 80. Tamén poeta e narrador, a expresividade nunca domesticada da súa obra persiste e segue a seducir pola potencia xestual e comprometida da súa proposta plástica. Faleceu prematuramente en Vigo en 1982.
Xornadas arredor da exposición
A mostra completarase coa celebración das xornadas ‘Tecendo Pinturas. As Artes de Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas’. Na tarde do xoves 28 de maio intervirán Marga do Val, Graciela Baquero, Xosé Enrique Acuña e Cristina Villaverde Ruibal, e o venres 19 de xuño participarán José Varela Alén e Beatriz Ruibal, que presentará unha videocreación feita especificamente para a ocasión.

Ningún comentario:
Publicar un comentario