17 de mar. de 2026

VIGO

XUNTA PERSOAL ÁREA SANITARIA DE VIGO  

IMPOSICIÓN DE INSTRUCIÓNS DE VACACIÓNS RESTRICTIVAS E PRECARIEDADE NA CONTRATACIÓN  

CONCENTRACIÓN ESTE MÉRCORES 18 DE MARZO  NA PORTA DO HOSPITAL ÁLVARO CUNQUEIRO ÁS 12H  

 Desde a Xunta de Persoal denunciamos publicamente que as Instrucións de Vacacións se impuxeron, un ano máis, pola Xerencia da Área Sanitaria. Levamos máis de 10 anos con instrucións de vacacións cada vez máis restritivas e sen que se tomen medidas organizativas para poder rematar coa situación de precariedade e de déficit de persoal de distintas categorías.  

 Malia que a instrución asegura que se realiza para garantir a contratación, non ten suposto unha mellora na oferta de contratación e incluso son numerosas as ausencias que non son substituídas, mentres que hai persoas traballadoras en listas de contratación agardando ser contratadas. Esta situación de precariedade na contratación, sen dereitos nin descansos, ten levado a que profesionais de diferentes categorías busquen alternativas que aseguren maior estabilidade e planificación.   

 Un ano máis as alegacións realizadas pola Xunta de Persoal non foron tidas en conta, e tras trasladarse á Dirección de Recursos Humanos non foron debatidas nin discutidas, limitando o dereito á negociación das mesmas, e respondendo por correo a negativa das incorporacións das 28 alegacións remitidas.  

 Estas alegacións van dirixidas a poder garantir o dereito ao desfrute e descanso das profesionais que traballamos na Área Sanitaria de Vigo e que, na actualidade, temos maior limitación de desfrute que no resto das Áreas Sanitarias.  

 Entre as alegacións presentadas incluímos:  

1. Eliminación de restricións de desfrute de vacacións, vacacións adicionais e permisos en determinadas categorías, que cada vez se amplían máis, en períodos como Nadal, Semana Santa e pontes. 

2. Petición de que as solicitudes de permisos se realicen en todos os estamentos mediante ferramentas informáticas de xeito individual e onde obteñan resposta por escrito e que garanta seguridade legal, como se realiza noutras Áreas Sanitarias. 

3. Eliminación das restricións de solicitudes de permisos sen soldo ou reducións de xornada a determinadas categorías en períodos coincidentes con inactividade no ámbito escolar. 

4. Eliminación da restrición de permisos de formación/asistencia a congresos coincidentes no Nadal, condicionando o dereito á formación e promoción profesional. 

5. Discordancia coa consideración de persoal estable nas unidades, que condiciona o goce dos permisos. 

6. Incluír en prioridade de elección de vacacións as familias monoparentais. 

7. Asegurar os permisos de conciliación sen que supoñan condicionar o desfrute dos mesmos ao resto do persoal. 

8. Consensuar o desfrute dos excesos de xornada coa profesionais.  

 Desde a Xunta de Persoal facemos un chamamento a mobilizarse polo noso dereito ao descanso e á conciliación este mércores 18 de marzo na porta principal do Hospital Álvaro Cunqueiro ás 12:00 horas.  

Vigo, 17 de marzo de 2026.

Ningún comentario:

Publicar un comentario