17 de mar. de 2026

OIA

Oia celebra os Días Europeos da Artesanía con talleres participativos o 12 de abril  

 A actividade é de aceso libre, aínda que se recomenda a inscrición no teléfono 639 32 94 93 

 



Infogauda / Oia 

 Oia súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía cunha xornada especial de talleres participativos que terá lugar o próximo 12 de abril no edificio do Mercado Municipal, recentemente rehabilitado. Baixo o título “Artesanía na Praza”, a actividade ofrecerá unha mañá chea de creatividade e descubrimento arredor dos oficios artesanais. 

 Os Días Europeos da Artesanía, que este ano se celebran entre o 7 e o 12 de abril, teñen como obxectivo achegar ao público o traballo das persoas artesás e poñer en valor a riqueza dos oficios tradicionais e contemporáneos a través de actividades abertas e participativas. En Oia a programación desenvolverase o 12 de abril en horario de 10.00 a 14.00 horas no edificio do Mercado de Abastos. Durante a xornada instalaranse cinco obradoiros demostrativos e participativos nos que diversos profesionais compartirán co público os seus procesos creativos, técnicas e saberes.

 Así, as persoas asistentes poderán coñecer de preto e interactuar con artesáns e artesás de diferentes disciplinas: cerámica, da man de Fátima Beamonte (Lucky’s Bakes); xoiería, con Fe González (areladefe); traballo en coiro, con Ana Serra (Medialúa); tecido en lá, con Anahí (Liño e Lá); e torno en madeira, con Aitor Martínez (Aitor Punto). A actividade é de acceso libre, pero é recomendable inscribirse no número de teléfono 639 32 94 93. 

 “Artesanía na Praza” é unha iniciativa coordinada por Fe González (areladefe) e conta co apoio da Fundación Artesanía de Galicia, a Xunta e o Concello de Oia, entidades que achegan diversos recursos que fan posible a realización da actividade. 

 O Concello de Oia anima á veciñanza a achegarse ao Mercado para participar nesta xornada aberta, que permitirá descubrir de primeira man o talento, a creatividade e o valor dos oficios artesanais.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario