28 de mar. de 2026

DEPORTES

ATLETISMO

O tomiñés Sergio Silva Souto, da Sociedade Atlética do Trega  bateu a marca galega de 5 km en categoría Sub16 


Sergio Silva Souto co seu trofeo logrado na tradicional 10K de O Porriño
Foto: S.A. do T.

Redacción Deportes / O Baixo Miño

 O atletismo base galego volveu destacar grazas á actuación de Sergio Silva Souto, quen logrou bater a marca galega de 5 quilómetros en categoría Sub16 masculina, o pasado domingo, durante a celebración da tradicional 10K de O Porriño.

 Silva Souto asinou un tempo de 16 minutos e 25 segundos no paso polos 5 quilómetros, establecendo así a mellor marca autonómica e un novo rexistro de referencia en Galicia. Con este tempo, destrona a anterior plusmarca, que Alejandro Santos Adrover, de O Rosal, exatleta da Sociedade Atlética do Trega, lograra en Ourense, o 12 de novembro de 2023,  demostrando que, por agora, esta mellor marca segue mantendo o ADN do club en cada carreira e consolidando a remuda xeracional dentro da disciplina. 

 A Federación Galega de Atletismo xa recoñeceu oficialmente a mellor marca de Sergio, ratificando así a nova marca autonómica. 

 O traballo constante e a planificación deportiva continúan dando froitos nunha canteira que non deixa de crecer. Desde o club destacan a importancia do acompañamento técnico no desenvolvemento de novas promesas: “Hai marcas que definen unha carreira e adestradores que definen marcas”. 

 Esta nova marca non só supón un éxito individual para Sergio Silva Souto, senón que se lle engade ao que xa conseguira en Ourense, o pasado decembro con 2.45.80 nos 1.000 metros lisos en pista cuberta, reforzando o posicionamento do atletismo galego e evidenciando que o éxito, unha vez máis, volve á súa orixe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario