Volven as visitas guiadas gratuítas que permitirán coñecer mellor a historia do Castro do Monte Santa Trega
• De mércores a domingo de Semana Santa ofreceranse ata catro visitas diarias
Infogauda / A Guarda
Esta Semana Santa volverán as visitas guiadas ao Castro do Monte Santa Trega, organizadas polo Padroado Municipal do Monte Santa Trega. Esas actividades son de carácter gratuíto e non precisan reserva.
Dese xeito, organízanse ata catro visitas diarias de mércores a sábado: dúas en horario de mañá, ás 11:00h e ás 12:30h; e dúas pola tarde, ás 16:30h e ás 18:00h. O domingo só se realizarán as visitas en horario de mañá.
Como punto de encontro para o comezo é o aparcadoiro da Casa Forestal, xusto despois de pasar a zona do castro pola estrada.
Durante 45 minutos as persoas asistentes recibirán información sobre a cronoloxía e historia do castro e da vida dos seus antigos habitantes. A visita centrarase no valor arqueolóxico da zona escavada do Castro, nun percorrido de menos dun kilómetro que inclúe o Barrio da Mergelina - orientada ao río Miño - e as viviendas reconstruídas.
Estas visitas pódense completar coa visita ao Museo Arqueolóxico Santa Trega (MASAT) na cima do monte, así como coa visita á ermida ou cun percorrido ás sendas de sendeirismo e aos miradoiros de 360º que ofrece o monte.

Ningún comentario:
Publicar un comentario