26 de xan. de 2026

VIGO / O MORRAZO / O CONDADO

Peches en centros educativos para visibilizar as demandas laborais do profesorado 

•  Promovidos pola CIG e o STEG, desenvolveranse dende este martes 27 até o xoves 5 en distintas localidades, entre elas Vigo, Cangas e Ponteareas 

Infogauda / Vigo / Cangas / Ponteareas

 A CIG-Ensino e o STEG retoman o conflito laboral docente con peches rotatorios en distintos centros educativos de todo o país para visibilizar as demandas do profesorado en colexios e institutos, como o IES Politécnico de Vigo, o IES Rodeira de Cangas e o IES Val do Tea de Ponteareas.  

 Despois do enterro simbólico do ensino público galego realizado en Compostela a finais do primeiro trimestre, o conflito laboral que mantén o profesorado coa Consellaría de Educación entra noutra fase na que as organizacións convocantes das mobilizacións pretenden “resucitalo” tamén simbolicamente. “Ao igual que no día a día é o persoal docente o que mantén vivo o ensino público malia a súa situación agonizante, as accións que se propoñen antes do Entroido van na liña de facerlle ver a toda a sociedade, fundamentalmente á máis afectada polos recortes, alumnado e profesorado, que estamos a tempo de revivilo unindo as nosas demandas e mantendo a tensión fronte á Consellaría”. 

 A primeira das medidas que propoñen a CIG e o STEG “para descentralizar aínda máis o conflito” son peches rotatorios a partir de media tarde (por volta das 18:00 horas) nos propios centros de ensino. Serán os martes, mércores e xoves desta semana e da vindeira (dende o martes 27 de febreiro até o xoves 5 de febreiro) en centros de Vigo, Cangas, Ponteareas, A Coruña, Cee, Ferrol, Lugo, Monforte, Viveiro, Compostela, Pontevedra, Vilagarcía, Lalín, Ourense e Rianxo. 

 Trátase dunha medida para chamar a atención e visibilizar diante das familias e do alumnado as consecuencias da política de recortes da Consellaría e explicar que as demandas do profesorado son as de toda a comunidade educativa. Os peches darán comezo a partir de media tarde para facilitar a participación da maior xente posíbel e neles prevese realizar asembleas abertas, elaborar material reivindicativo para colgar nos centros e debater sobre futuras accións a levar a cabo. Á mañá seguinte farase unha acción informativa na entrada ás aulas para trasladar as principais reclamacións do colectivo en materia de atención á diversidade, redución de ratios, recuperación do horario lectivo, impartición de afíns, falta de desdobres ou reforma da FP. 

CALENDARIO DOS PECHES NA ÁREA DE VIGO: 

MARTES 27 DE FEBREIRO 

Vigo: IES Politécnico

Rúa do Conde de Torrecedeira, 88 

 

MÉRCORES 4 DE FEBREIRO

Cangas: IES de Rodeira

Avenida de Ourense, s/nº 

 

XOVES 5 DE FEBREIRO 

Ponteareas: IES Val do Tea

Rúa Feliciano Barrera, 15 

Ningún comentario:

Publicar un comentario