26 de xan. de 2026

TOMIÑO

A Eurocidade Cerveira-Tomiño, aula aberta de cooperación cultural transfronteiriza  

  O alumnado do ciclo de Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo, de Baiona visitou Tomiño para coñecer como a celebración de eventos e actividades traspasa fronteiras  


O Concello de Tomiño acolleu a visita do alumnado do ciclo superior de Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo, de Baiona
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 As aulas quedaron atrás por un día para converter Tomiño nun espazo de aprendizaxe viva, práctica e compartida. O concello acolleu a visita do alumnado do ciclo superior de Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo, de Baiona, que se achegou á vila para coñecer de primeira man o funcionamento das dinámicas transfronteirizas da Eurocidade Cerveira-Tomiño e a organización de actividades culturais, sociais e deportivas conxuntas, así como para descubrir os servizos municipais dirixidos á mocidade, á cultura e á participación social. 

 Durante a xornada, o grupo foi recibido no Concello, onde puido afondar no papel da Eurocidade como ferramenta de cooperación real entre territorios veciños. A visita completouse cun percorrido por distintos espazos municipais clave, como a OMIX, a biblioteca do Espazo Isaura Gómez e o mercado, exemplos prácticos de como a pro-gramación cultural, xuvenil, educativa e de voluntariado se pensa e se desenvolve con visión compartida en moitos espazos a ambas beiras do Miño. 

  A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “a Eurocidade é un proxecto vivo que vai moito máis alá das institucións, porque permite crear programacións con-xuntas, compartir recursos e ofrecer oportunidades reais de participación á veciñanza”. A rexedora destacou tamén a importancia deste tipo de visitas formativas, xa que “permiten que o alumnado coñeza modelos de traballo innovadores baseados na cooperación, na creación de redes e na dinamización social dun territorio común”. 

 Ao longo do encontro explicáronse as funcións da OMIX e dos departamentos de Cultura, Mocidade e Voluntariado, así como a súa implicación nos diferentes proxectos e eventos transfronteirizos desenvolvidos no marco da Eurocidade Cerveira-Tomiño. Un intercambio de experiencias que serviu para amosar como a animación sociocultural pode ser unha ferramenta clave para fortalecer vínculos, identidade compartida e cohesión territorial e como a Eurocidade é un verdadeiro laboratorio de cooperación en todos os eidos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario