A Deputación estrea no Museo de Pontevedra un documental sobre o papel de Castelao como introdutor en Galicia do gravado ao linóleo
• O filme, dirixido por Xan Leira, proxectarase o xoves 22 de xaneiro ás 19:00 h no Edificio Castelao. O acceso é libre
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
O Museo de Pontevedra acollerá este xoves 22 de xaneiro ás 19:00 no Edificio Castelao a presentación pública do documental ‘Castelao, a revolución gráfica en Galicia. O linoleogravado’, dirixido por Xan Leira. O filme conta co apoio da Deputación de Pontevedra. Será presentado polo seu director, xunto con Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, e Carlos L. Bernárdez, ensaísta e crítico de arte. O acceso é libre.
A nova produción de Xan Leira é un documental de 33 minutos de duración. Achégase ao proceso histórico polo que o linóleo se converteu nun dos motores fundamentais da renovación estética e editorial en Galicia na década de 1920. O filme reconstrúe cronoloxicamente este fenómeno a través das voces de especialistas de referencia: Daniel Buján Núñez (bibliotecario e gravador), Ángeles Tilve Jar (directora do Museo de Pontevedra), Carlos L. Bernárdez (ensaísta e crítico de arte), Xoán Pastor Rodríguez (director do Museo do Gravado de Artes, Ribeira), Miguel Anxo Seixas Seoane (presidente da Fundación Castelao) e Ricardo Gurriarán (historiador).
O documental arranca na estancia de Castelao en Europa (Francia, Bélxica e Alemaña) en 1921, grazas a unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios destinada ao estudo de técnicas de gravado. Foi en Múnic onde descubriu as potencialidades do linóleo, unha técnica rápida, económica e ideal para ilustracións en publicacións de baixo custo, especialmente axeitada ao contexto galego da época.
Ao regresar a Pontevedra, Castelao compartiu os seus coñecementos co seu alumnado do Instituto e, posteriormente, cos novos artistas e intelectuais da cidade. Entre os primeiros en adoptar o linóleo estiveron Carlos Sobrino, colaborador próximo de Castelao, así como Luis Pintos Fonseca, Manuel Méndez, Xosé Sesto e Ventura de Dios “Turas”. Desde ese momento, esta técnica comezou a gañar presenza en diversas publicacións da época.
O fenómeno estendeuse axiña máis aló de Pontevedra, incorporando nomes centrais da arte galega moderna como Manuel Torres, Cándido Fernández Mazas, Xaime Prada, Luis Huici e Francisco Miguel. O documental destaca como o linóleo favoreceu unha estética máis sintética e próxima ás linguaxes vangardistas, afastándose da figuración tradicional. Analiza tamén o destacado papel de revistas literarias e artísticas como ‘Alborada’ (1922), ‘Cristal’ (1932) ou ‘Spes’ (1934-1962) na difusión do linóleo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario